Inauguradas a XXXIX Xornadas Penitenciarias Lucenses, dedicadas aos desafíos da adolescencia

LugoXa
O foro, promovido pola Asociación Concepción Arenal co apoio da Deputación, distingue a institucións e profesionais e lembra a Paula Alvarellos polo seu compromiso social
Inauguración-Xornadas-Penitenciarias-Lugo-25
29 Oct 2025

O Pazo de San Marcos acolleu a 39ª edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, un encontro de referencia que se consolidou como espazo de reflexión, pensamento crítico e compromiso social, promovido pola Asociación Concepción Arenal.

Tras o acto inaugural, entregáronse as Medallas Concepción Arenal de Lugo a diversas institucións, organizacións non gobernamentais e profesionais polo seu labor no ámbito penitenciario, especialmente en proxectos de reinserción social e atención a persoas en situación de vulnerabilidade. O evento serviu tamén para render homenaxe a Paula Alvarellos, quen presidiu a asociación antes de asumir a Alcaldía de Lugo e faleceu o pasado mes de marzo, recoñecendo o seu compromiso coa xustiza social e coa reinserción.

Durante a súa intervención, o presidente da Deputación, José Tomé Roca, destacou que a adolescencia é “unha etapa decisiva da vida, na que se constrúen a identidade, os vínculos, as expectativas e o futuro”, e incidiu na importancia de abordala “non só desde o prisma do conflito, senón desde a prevención, o acompañamento, a escoita e a orientación, xunto coa responsabilidade, os límites e a protección”.

Tomé puxo en valor o carácter interdisciplinar destas xornadas, nas que conflúen profesionais da psicoloxía, o dereito, a educación, a sanidade, a xustiza e o traballo social, porque, segundo dixo, “só desde a comprensión profunda do ser humano é posible intervir con intelixencia, eficacia e humanidade”. O mandatario provincial reafirmou tamén o compromiso da Deputación coa cooperación institucional, coa prevención como política social transformadora e co coñecemento como motor do progreso real. “As sociedades non avanzan por inercia —sinalou—; avanzan cando reflexionan, deliberan e se atreven a mellorar as súas propias estruturas”.

“Traballar con adolescentes é crer no futuro”, engadiu Tomé, quen definiu estas xornadas como unha mostra de “esperanza activa: a idea de que ninguén está perdido mentres exista unha oportunidade, unha guía e unha comunidade disposta a non renunciar”.

No acto estiveron presentes tamén o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento da Deputación e alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez; e a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, entre outras autoridades.

⚙ Configurar cookies
0.080167055130005