Inaugurado no Castiñeiro un novo centro de servizos e dinamización social para os veciños
Inaugurado o novo centro de servizos sociais interxeracional que o executivo municipal construíu na rúa Aquilino Iglesias Alvariño e cuxas instalacións prestarán servizo a unhas 20.000 persoas dos barrios do O Castiñeiro, Abuín-Abella, Carme, A Cheda e de diversas parroquias do rural.
A alcaldesa lembrou que “o obxectivo que nos marcamos foi integrar nun só edificio, moderno e funcional, os locais da zona de benestar social nos que atendemos as necesidades dos colectivos vulnerables, e que quedaron xa pequenos, dándolle continuidade tamén ao propósito que temos de crear espazos e equipamentos polivalentes que nos permitan compatibilizar a dinamización para a terceira idade, con propostas para a xuventude e as crianzas favorecendo, desta forma, a convivencia interxeracional e facilitando a conciliación das familias”.
Méndez destacou que “ é un día de gran satisfacción, pois abrimos á cidadanía unhas instalacións que serán referentes na cidade e un claro exemplo da nosa aposta por facilitar á veciñanza novos espazos de convivencia e sociabilización nunha zonas onde son moi demandas e unha necesidade que se viu reforzada, se cabe, trala pandemia”, subliñou Lara Méndez.
A alcaldesa realizou un percorrido polo edificio explicando as dotacións do inmoble, de dúas plantas e un soto, que funcionarán de xeito independente. De maneira que a planta baixa, que terá unha distribución flexible, albergará actividades recreativas e formativas, coas que facilitar a convivencia de todo tipo de persoas usuarias, mentres que a planta superior se destinará a tarefas de traballo social.
Pola súa banda, Olga López destacou que o centro ofrecerá asesoramento á poboación e atención na tramitación das axudas sociais pero tamén a impartición de formación e cursos, e de programación recreativa ou de ocio como o baile, teatro, espectáculos, xogos, etcétera.
En canto aos recursos humanos, contará cun equipo interdisciplinar constituído por traballadores/as sociais, educadores/as, animadores/as, auxiliares e conserxería.
“Estamos seguros de que este proxecto contribuirá, no seu conxunto, a revitalizar toda a zona a través do apoio social e da mellora das prestacións aos colectivos máis vulnerables e á poboación en xeral, cunha nova imaxe de modernidade, innovación e mellora estética, ao tempo que seguimos apostando pola sostibilidade”, engadiu López Racamonde.
O novo Centro Social de Lamas de Prado supuxo un investimento de 1,2 millóns de euros. Este proxecto está enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, que contempla entre os seus obxectivos o desenvolvemento de accións para fomentar a inserción laboral e reducir o risco de exclusión.
No día do seu apertura, o novo centro social acolleu unha actuación musical e de danza, cunha masterclass a cargo da escola Star Dance, así como un torneo de tute. Tamén houbo aperitivos para os asistentes que puideron coñecer in situ as novas dotacións, modernas e polivalentes.
Construcción con criterios de sostibilidade
A este respecto, Méndez recordou que o inmoble, asentado nunha parcela municipal de 886 m² que linda coa rúa Aquilino Iglesias e a Fábrica de Abella, foi deseñado segundo criterios de aforro enerxético.
Alén de que o seu consumo de enerxía primaria será un 40% menor respecto ás construcións convencionais, a instalación disporá de 65 paneis fotovoltaicos e na zona sur, contará ademais cun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior, que gozará de altas prestacións en illamento e hermeticidade, próximas ao estándar Passivhaus.
Ofrecerá unha ampla zona verde ao seu redor, para separalo do tráfico rodado e gañar en versatilidade á hora de organizar eventos e, finalmente, contará con diferentes prazas de recarga eléctrica, dentro do aparcadoiro.