Inaugurado o curso sobre procedementos catastrais no sector forestal organizado por Lugomadera

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O director da Axencia Galega da Industria Forestal lembra que as axudas Xera_Savia poden solicitarse ata o 13 de marzo e destaca o apoio á formación e á competitividade do sector
Xera-Lugo-madera
27 Feb 2026

A Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo, Lugomadera, puxo en marcha un curso centrado nos procedementos catastrais aplicados ao ámbito forestal, unha iniciativa formativa na que participou o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos. Durante a inauguración, o responsable autonómico lembrou que os apoios do programa Xera_Savia para a organización de actividades de formación e divulgación orientadas a fortalecer e dinamizar a industria forestal-madeira galega poden solicitarse ata o vindeiro 13 de marzo.

Fernández Ríos puxo en valor o compromiso da Xera co impulso de accións formativas e divulgativas que garantan unha adecuada cualificación e capacitación profesional, adaptadas ás novas tendencias e aos retos que afronta a industria forestal. Segundo explicou, esta actividade permitirá ao persoal técnico vinculado á xestión dos aproveitamentos forestais profundar nos trámites e procedementos catastrais, co obxectivo de optimizar o seu traballo e mellorar o rendemento profesional.

O director da Xera subliñou que Lugomadera figura entre as entidades representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira que accederon ás liñas de axuda da Axencia para desenvolver iniciativas formativas destinadas a reforzar o coñecemento e incrementar a competitividade do sector.

Durante a súa intervención, Fernández Ríos tamén recordou que a Axencia Galega da Industria Forestal mantén aberto o prazo para presentar solicitudes noutras dúas convocatorias. Ata o 13 de marzo poden tramitarse as peticións das axudas Xera_Valor, orientadas a promover a valorización, a segunda transformación e a ecoinnovación dos produtos forestais, así como a dixitalización e a mellora das condicións de seguridade e saúde no ámbito laboral da industria forestal galega e do sector do contract.

Ademais, as subvencións correspondentes ao programa Xera_Tecno, destinadas a financiar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, permanecerán abertas ata o venres 20 de marzo.

0.13482213020325