Inaugurado o novo auditorio de Lugo 'Fuxan os Ventos' nun acto marcado por unha concentración de veciños

LugoXa
Rubén Arroxo destacou a implicación da veciñanza na oposición ao proxecto de Coeses, e afirmou que "estades paralizando algo lesivo para Lugo co voso traballo"
Inauguración-novo-auditorio-Lugo-Fuxan-os-Ventos-dentro
21 Dec 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, participaron na inauguración do novo auditorio municipal Fuxan os Ventos, que contou coa colaboración da institución provincial.

A este acto, no que se realizou o descubrimento dunha placa e se celebrou un concerto inaugural a cargo da soprano Ainhoa Arteta, tamén asistiron, entre outras autoridades, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López.

O mandatario provincial destacou a “boa sintonía que mantemos co Concello de Lugo para sacar adiante proxectos e iniciativas que non só beneficien aos veciños e veciñas desta cidade, senón tamén a todo o conxunto da provincia”.

En concreto, para a realización deste evento de inauguración recordou que a institución provincial colaborou coa contratación dos concertos principais a través dun acordo coa entidade local. Tomé Roca subliñou tamén que “este novo espazo fortalecerá a identidade cultural da provincia con espectáculos de primeiro nivel que tamén impulsarán o turismo, a economía local e que ademais, xerarán novas oportunidades para os lucenses e o noso territorio”.

APOIO DO BNG Á VECIÑANZA DE COESES

Pola súa parte, tamén estivo o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polas deputadas no Parlamento Galego Olalla Rodil e Montserrat Valcárcel, o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e concelleiros do BNG no Concello de Lugo.

A delegación do BNG saudou á veciñanza afectada pola planta de biometano proxectada en Coeses, que se concentrou á entrada do auditorio.

Rubén Arroxo destacou a implicación da veciñanza na oposición a este proxecto, e afirmou que "estades paralizando algo lesivo para Lugo co voso traballo" e lembrou o seu compromiso de traballar "desde todas as institucións para paralizar este proxecto".

Arroxo lembrou que xa se trasladaron iniciativas ao Parlamento Europeo "para evitar que esta planta reciba fondos da UE para a súa posta en marcha" e anunciou que a retirada do proxecto da listaxe de iniciativas prioritarias da Xunta se levará tamén ao Parlamento Galego da man do BNG.

A empresa recoñece no seu proxecto para a construcción da planta que emitirá cheiros e gases contaminantes e  o verquido de 76,7 metros cúbicos de augas residuais ao regato de Vilalbite con posterior desprazamento ao río Miño. O tratamento destas augas foi considerado ineficiente por parte da CHMS, o que fixo que este proxecto fose informado desfavorablemente dado que este regato conta con pouco caudal de auga, especialmente nos meses estivais.

REPRESENTACIÓN DA XUNTA

Tamén acudiu a este acto o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen puxo en valor os case 25 millóns de euros que o Executivo autonómico destinou para a construción desta infraestrutura de preto de 20.000 metros cadrados e tamén para a dotación de equipamento, unhas actuacións que encadrou na aposta do Goberno galego por crear, mellorar e modernizar as infraestruturas culturais de todo o territorio da Comunidade.

López Campos considerou esencial dotar a Galicia das mellores infraestruturas co obxecto de poder desenvolver unha programación e unha oferta de calidade. Neste senso, puxo en valor que esta é a estratexia do Goberno galego para todo o territorio.

En concreto, referiuse á posta en marcha de proxectos como o Teatro Fraga de Vigo, que procura ser un referente en toda Comunidade, e a outras iniciativas polos concellos que contribúen a mellorar as opcións e oportunidades culturais da poboación que vive en núcleos máis pequenos. Todo isto vai na liña do plan para modernizar as infraestruturas culturais no que xa se está traballando desde a Consellería de Cultura.

⚙ Configurar cookies
0.15571188926697