Inaugurado o parque infantil do Sagrado Corazón tras unha remodelación integral

A renovación do parque infantil do Sagrado Corazón, situado na rúa paralela ao centro de saúde, representa un novo paso na mellora dos espazos públicos de Lugo.
Cunha intervención que abrangue uns 30 metros de longo e un investimento municipal próximo aos 100.000 euros, o recinto foi completamente reformado para ofrecer un entorno seguro, moderno e atractivo tanto para as crianzas como para as familias.
O novo parque, perimetrado e valado, conta cunha infraestrutura de torre múltiple e cinco xogos deseñados para estimular tanto o desenvolvemento físico como o cognitivo, ademais de garantir a máxima seguridade.
Entre os elementos instalados destacan redes, tobogáns, paneis lúdicos, columpios e un pavimento de caucho continuo, ecolóxico e antiescorregadizo, que tamén garante unha elevada resistencia ao uso exterior. O deseño do espazo adaptouse ao desnivel da rúa, integrando escaleiras, un tobogán e unha rampla de escalada.
Durante o acto de inauguración, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado por membros do Goberno local e numerosos veciños e veciñas, salientou que “o que estamos a facer é mellorar a calidade de vida da veciñanza, crear espazos cómodos, seguros e acolledores que favorezan a convivencia, o encontro e o bo ambiente”. O rexedor tamén subliñou que esta nova zona infantil se suma ás 83 áreas recreativas existentes na cidade, e forma parte dunha aposta decidida por “facer de Lugo unha cidade pensada para as persoas, e sobre todo para as máis pequenas”.
Segundo lembrou Fernández, nos últimos dez anos investíronse máis de 1,7 millóns de euros en 18 parques infantís da cidade, entre creacións novas, renovacións integrais e ampliacións. Esta nova actuación no Sagrado Corazón reflicte ese esforzo sostido no tempo para manter e mellorar os espazos de lecer que permiten fortalecer os vínculos sociais nos barrios de Lugo.