Inaugurado o VII Foro Labrego de Agroecoloxía en Antas de Ulla

LugoXa
O evento estivo organizado polo Sindicato Labrego Galego en colaboración coa área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
foro-sobre-agroecoloxía-en-Antas-de-Ulla
2 Feb 2025

A deputada de Cultura, Iria Castro, inaugurou o VII Foro Labrego de Agroecoloxía, un evento organizado polo Sindicato Labrego Galego en colaboración coa área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O foro, celebrado en Antas de Ulla, tivo como tema central a agroecoloxía fronte á ameaza dos megaproxectos industriais, especialmente a instalación da macrocelulosa de Altri.

Durante a súa intervención, Castro reafirmou o apoio institucional da Vicepresidencia da Deputación de Lugo á defensa da produción agrogandeira e á vida na comarca da Ulloa, destacando a importancia de encontros como este para alertar sobre os efectos negativos das industrias de grandes dimensións sobre o territorio. "É fundamental amosar as alternativas sustentables para o desenvolvemento", subliñou a deputada, que tamén alertou sobre o impacto ambiental e social de tales proxectos.

O foro, titulado "Agroecoloxía fronte á megaindustria: proxectos labregos, territorios para a vida", contou con intervencións de destacados expertos. A neurocientífica Sonia Villapol profundou no impacto da celulosa e os seus contaminantes na saúde, mentres que o investigador do CISPAC, Xaviere Simón, analizou a repercusión socioeconómica dos megaproxectos contaminantes. Tamén interveu Alejandro García, gandeiro e activista na Plataforma Ulloa Viva, quen expuxo as mobilizacións da comarca fronte á instalación de Altri.

A xornada rematou cunha mesa redonda na que se presentaron proxectos públicos e privados que promoven o desenvolvemento sostible dos territorios. Entre eles, o programa de formación rural 'Da Escola á Granxa', impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que inclúe a participación de granxas e producións agroalimentarias da Ulloa como Milhulloa, Arqueixal, Pazo de Vilane ou a gandería Lois Varela. Este espazo de debate e reflexión serviu para reafirmar a importancia de promover modelos económicos que respecten e coiden o medio ambiente.

0.18720197677612