Inauguran a mostra Memoria oral na Fonsagrada cun coloquio

LugoXa
O Museo Etnográfico fonsagradino será este sábado, 3 de agosto, o escenario da inauguración da mostra, que arrancará cun coloquio aberto á cidadanía
presentación-As-coplas-do-comandante-Moreno
30 Xul 2024

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presentou no Pazo de San Marcos, xunto ao alcalde da Fonsagrada e tamén deputado de Medio Ambiente, Carlos López, a mostra Memoria oral na Fonsagrada: as coplas do comandante Moreno. Unha cita que se inaugurará este sábado, 3 de agosto, na Casa da Cultura da Fonsagrada cun coloquio aberto á cidadanía e centrado na recuperación das lembranzas orais da guerra e da posguerra na comarca da Montaña.

“Exposicións deste tipo enriquecen e dignifican a nosa historia e a nosa sociedade”, subliñou Pablo Rivera, para quen “nunca está de máis recordar o que sucedeu para evitar que a historia se repita”. Destacou tamén o Deputado a importancia da tradición oral na cultura galega e na cultura da provincia de Lugo e agradeceu ao Alcalde ter pensado na Deputación para axudar coa difusión desta cita. “A historia hai que contala con obxectividade, pero é moi importante que os nosos fillos e os nosos netos saiban o que pasou”, apuntou.

Esta exposición, que poderá desfrutarse desde este sábado e ata o 31 de outubro no Museo Etnográfico da Fonsagrada, recolle o traballo de investigación coordinado pola doutora de Filosofía da Universidade de Oviedo, Noelia Bueno. Un labor que consistiu en xuntar, clasificar e ordenar as testemuñas da veciñanza, transmitidas mediante composicións orais ao longo dos anos, para reconstruír o asasinato dunha tropa de soldados antifranquistas, o Batallón Galicia.

Explicou Bueno durante a presentación que tivo lugar esta mañá que da primeira versión dos versos dedicados á morte do comandante Moreno -que atribúen ao militante de Izquierda Republicana Daniel Álvarez Ferreiro- a xente foi introducindo variacións propias da cultura oral.

“Foi unha estratexia cultural para sortear a censura da época”, sinalou esta fonsagradina que iniciou o seu traballo de investigación no ano 2014 e que non dubida en sinalar que o suceso, coñecido como os crimes do Acebo, supuxo un “trauma colectivo” para a comarca. A inauguración da exposición terá lugar o sábado 3, ás 10.00 horas, cun coloquio que durará ata o mediodía e no que participarán historiadores e expertos, pero que tamén dará voz aos veciños e veciñas da Fonsagrada e das zonas limítrofes para debater sobre o pasado, presente e futuro da memoria oral na fronteira asturgalaica.

Na presentación que tivo lugar en San Marcos participaron tamén o concelleiro fonsagradino Ricardo Parada, e o profesor de xeografía da Universidade de Oviedo Salvador Beato Bergua. A exposición, que organiza a Universidade de Oviedo en colaboración co Concello da Fonsagrada, conta cunha subvención do Ministerio de Memoria Democrática.

0.10765790939331