Inauguran a Praza do Eixo Atlántico, no barrio da Piringalla
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, inaugurou a Praza do Eixo Atlántico, situada no barrio da Piringalla entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, onde recentemente se instalou a Fonte das Lavandeiras. Fíxoo acompañada do secretario xeral da entidade transfronteiriza, Xoán Vázquez Mao e doutras autoridades e representantes dos municipios membros do Eixo.
“Esta praza-xardín foi creada e posta a disposición da veciñanza no ano 2021 froito dunha petición cidadá, co obxectivo de promover novos espazos de lecer que favoreceran a convivencia interxeracional”, lembrou a rexedora, quen subliñou que “agora levará o nome do Eixo Atlántico en recoñecemento, non só á historia da entidade, senón tamén como símbolo de punto de encontro das cidades galegas e portuguesas”.
Neste senso, a nova escultura que preside a praza é un monolito en forma de cilindro iluminado cos 41 municipios e deputacións que integran o Eixo Atlántico, quedando plasmada a unión dos pobos que conforman a Eurorrexión. Trátase da sexta praza pública e a primeira en Galicia á que dá nome a entidade, sumándose ás das cidades de Bragança, Matosinhos, Braga, Vila Nova de Gaia e Viana do Castelo en Portugal.
Alvarellos explicou que “esta iniciativa foi aprobada no contexto da Capital da Cultura que acolleu Lugo en 2023, unha cita que contou cunha ampla programación municipal con variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine e concertos, festivais de arte urbáns e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas, nas que participaron máis de 15.000 persoas”.
Tras a inauguración do novo espazo urbano, a Comisión Executiva do Eixo Atlántico reuniuse no edifico Impulso Verde para analizar a situación e evolución das infraestruturas, así como dos principais proxecto en curso do Eixo Atlántico. Neste senso, Alvarellos agradeceu “que elixiran este pioneiro inmoble para celebrar a súa Comisión Executiva”.