Inauguran en Lugo unha formación para estudar as obras da Rede Museística Provincial
A deputada de Cultura Iria Castro foi a encargada de inaugurar o curso Tempo de Arte. Obras do Museo, organizado polo Grupo de Investigación Iacobus da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Museo Provincial e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. No acto tamén participaron as coordinadoras do curso, as investigadoras e profesoras de Historia Miriam Elena Cortés e Patricia Cupeiro e a directora do Museo Aurelia Balseiro.
Esta formación é unha oportunidade para descubrir e estudar as obras que se atopan nos museos da Rede Museística Provincial. “Dende a área de Cultura da Vicepresidencia provincial temos un firme compromiso co Campus de Lugo e é importante que entre a universidade e os museos compartan investigación e divulgación entre ambas institucións”, destacou Castro.
Na conferencia inaugural, José Manuel García Iglesias, centrouse na figura de Francisco Asorey, homenaxeado este ano pola Real Academia de Belas Artes no Día das Artes Galegas, centrándose na obra Cristo Redentor, entre outras pezas máis coñecidas. A formación seleccionou pezas peza que reflicten a diversidade de intereses, campos de traballo e liñas de investigación que abarca o Grupo Iacobus e abranguen diferentes períodos históricos, estilos e artistas.
Ademais de García Iglesias, durante a primeira xornada tamén estiveron Marta Cendón, analizando sepulcros eclesiásticos; David Chao, coa figura medieval de San Salvador de Muxa; Mónica Rey, cunha análiseda obra “Retrato de Rosa Piño”, de Julia Minguillón; e Maria Dolores Barral e Patricia Cupeiro analizando Escenas do baldaquino de Santa Mariña de Fragas e a figura de Maruja Mallo.
O programa continúa o xoves 23 de maio con formación sobre o tempo e os reloxos na idade media ou obras de Julia Minguillón e Tino Grandío. O programa complétase con visitas ás pezas tratadas nas conferencias, sempre acompañadas das persoas relatoras, que teñen lugar cada xornada ás 17.20 horas.