Inauguran en Lugo unha mostra contra os estereotipos, os círculos de pobreza e a discriminación

LugoXa
A exposición itinerante, que poderá visitarse ata o vindeiro 30 de xuño, ten como obxectivo fomentar o espírito de solidariedade e mellorar o coñecemento sobre a problemática dos países máis desfavorecidos
Expo-Destino-Igualdade
Presentación da mostra
24 Maio 2024

Promover o liderado feminino e incrementar a educación de calidade para romper estereotipos e os círculos de pobreza, estigma e discriminación. Estes son algúns dos obxectivos que persigue a mostra Destino Igualdade, inaugurada no Vello Cárcere pola alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, quen destacou a necesidade de incentivar unha cidadanía comprometida e solidaria, que participe nas tarefas de cooperación internacional.

A exposición, impulsada pola Fundación Vicente Ferrer, enmárcase nos proxectos de sensibilización social financiados polo Concello de Lugo, con cargo ás subvencións a ONGDs, dependentes da área de Benestar Social e Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, concelleira que también asistiu á inauguración. A mostra recala no Vello Cárcere despois de visitar algúns centros de ensino de Lugo, como o IES Muralla Romana, o IES Ánxel Fole e o IES Sanxillao, onde ademais se desenvolveron actividades de concienciación e divulgación destas problemáticas entre o alumnado.

A mostra itinerante, que poderá visitarse ata o vindeiro 30 de xuño, ten como obxectivo fomentar o espírito de solidariedade, mellorar o coñecemento e información sobre a problemática dos países máis desfavorecidos e estimular a participación da cidadanía lucense nas tarefas de cooperación internacional. Así o explicaron a propia alcaldesa e a delegada da Fundación Vicente Ferrer en Galicia e no Principado de Asturias, María Moldes.

A mostra aberta leva ao visitante por varias historias de superación de mulleres da India e de España, dando visibilidade aos cambios que son necesarios para romper estereotipos e os círculos de pobreza e discriminación, uns cambios que no caso das mulleres veñen dados pola independencia económica ou polo liderado feminino.

Destino Igualdade non é a primeira iniciativa da Fundación Vicente Ferrer coa que colabora o Concello de Lugo. Así o puxeron de manifesto na apertura da mostra, tanto Paula Alvarellos como María Moldes. De feito, a alcaldesa chamou a atención sobre algunha destas colaboracións, como as dos anos "2018 e 2020, nos que apoiamos a construción de vivendas con saneamento para familias vulnerables da India rural, cos obxectivos de garantir o dereito a unha vivenda digna e de favorecer a igualdade de xénero, ao escriturar a nome das mulleres".

 

 

 

0.19935297966003