Inauguran en Lugo unha mostra cos traballos do alumnado da Ramón Falcón
Inauguran unha mostra elaborada pola Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, dentro da súa política de conexión coa cidade de Lugo, onde leva máis de medio século instaurada. Está repartida en nove celas dedicadas aos estudos impartidos no centro, tanto os de ensinanzas profesionais de Serigrafía, Fotografía, Cerámica ou Gravado e Técnicas de Estampación, coma os que teñen nivel de grao, que son os títulos superiores de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores. A
A exhibición recolle traballos de alumnos e alumnas de todas estas ensinanzas, con diversas técnicas e disciplinas, “nunha escolma que permanecerá aberta a todo o público nas celas do segundo andar do Vello Cárcere durante os próximos meses”, indicou Maite Ferreiro.
A Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, con máis de 50 anos de traxectoria, conta actualmente con case 250 estudantes matriculados nas distintas titulacións que oferta. A área de Cultura do Concello de Lugo cedeu este espazo co fin de “acercar o público aos campos de traballo das futuras artistas lucenses no campo da serigrafía, fotografía, cerámica, gravado e técnicas de estampación ou deseño gráfico e de interiores”, explicou a concelleira responsable.
Esta mostra, insiste Maite Ferreiro, “permite que o alumnado da Escola Ramón Falcón amose o resultado da formación de catro anos académicos, onde se explora a creatividade, pero tamén a funcionalidade, as tendencias e a estética para transformar espazos privados, pero tamén públicos”. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou tamén na inauguración xunto co director desta escola dependente da Xunta, Ramón Cabarcos, e outras persoas.