Inaugúrase a programación do Entroido en Lugo da man de Carmen Conde

LugoXa
A humorista e dramaturga lucense Carmen Conde foi a encargada de dar comezo ás actividades do Entroido 2024, organizadas pola Tenencia de Alcaldía, co pregón que se celebrou este venres na praza Maior.
carmen_conde_pregon_entroido_lugo
10 Feb 2024

A humorista e dramaturga lucense Carmen Conde foi a encargada de dar comezo ás actividades do Entroido 2024, organizadas pola Tenencia de Alcaldía, co pregón que se celebrou este venres na praza Maior. A actividade, celebrouse por terceiro ano consecutivo na praza Maior, unha iniciativa posta en marcha pola edil de Cultura, Maite Ferreiro, co obxectivo de “facilitar a participación da veciñanza no acto de inicio do Entroido”. A concelleira de Cultura destacou a importancia de incluír unha humorista no comezo das festas, xa que “crea un ambiente alegre e desenfadado, fomentando a unión dos e das lucenses a través do humor, contribuíndo tamén á diversidade de expresións culturais durante a festa do Entroido”, insistiu Maite Ferreiro.

A animación musical durante o pregón correu a cargo de Condensadores de Fluzo, e, a partir das 21.30, a festa continuou no recinto histórico coa animación musical da charanga Louband, nunha programación que se prolonga ata o mércores 14, día do Enterro da Sardiña. A partir do día 2 de febreiro e ata o día 12, celebrarase o Mercado de Produtos Tradicionais propios desta época de Entroido, onde as cachuchas e os cimos inundarán o Mercado Tradicional dos martes e venres na Praza de Abastos.

O sábado 10 a animación comezará a partir das 12.30 con Peterpunk e o neno imperdible, da compañía As Monchas, na praza Maior; e a partir das 17:00 terá lugar o concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Tambukda e Patty Difusa, e a partir das 21.30, Bloco Meigallo percorrerá o recinto histórico. O domingo 11 a praza Maior acollerá a partir das 12.30 horas a A Vela Circo co seu espectáculo ‘O último’. O luns 12 chegará á praza Maior a gala de circo Introitus, coas actuacións de Kanbahiota, Lila Star, Isla Letriska e Paco Nogueiras, continuando as actividades ás 21.30 coa actuación de Bloco Meigallo polo recinto histórico.

O día 13, entre as 11.00 e as 14.00, e á tarde entre as 16.00 e as 19.00 celebrarase a segunda edición da Festa da Filloa na rúa Quiroga Ballesteros, mentres que a animación continuará na xornada de mañá co espectáculo Rogelio, un paiaso en recuperación na praza Maior. Na xornada de tarde, terá lugar o concurso de disfraces na categoría de adultos. Durante a deliberación do xurado o público contará coa animación de Tambukda. As actividades do Entroido rematarán o mércores 14 a partir das 20 horas co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro.

0.20065498352051