Inaugúrase en Lugo a exposición colectiva Procesos II

A galería de arte Solaina de Lugo acolleu a inauguración da exposición Procesos II, unha mostra colectiva das artistas Alba Pino, Isis Huerga, Laura Karnero, Lara Brañas, Mónica Lago e Paloma Musso, comisariada polo colectivo Refugallo. A exposición poderá visitarse ata o 18 de outubro.
Procesos II pretende achegar ao público non só o resultado final das obras, senón tamén os bocetos, as ideas iniciais e o proceso de desenvolvemento. As pezas foron elaboradas nos talleres da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, espazos que serven como primeiros estudos para a construción dunha práctica artística propia.
O obxectivo da mostra é poñer en valor os procesos formativos e creativos de artistas emerxentes, reflexionando sobre as distintas fases da creación artística, o ensaio, a proba, o erro e a experimentación como elementos fundamentais do camiño creativo. Ademais, subliña a importancia dos espazos compartidos, onde a diversidade de intereses favorece a convivencia e o intercambio que enriquecen o traballo colectivo.
Refugallo, agrupación artística creada en Pontevedra en 2020 e formada por alumnas da Facultade de Belas Artes, céntrase no comisariado de exposicións e na promoción de artistas emerxentes galegas, desenvolvendo proxectos colaborativos, murais colectivos, edición de fanzines e participacións en feiras e residencias a nivel estatal.