Inaugúrase en Lugo 'As 7 e 7', unha mostra que reivindica as achegas das creadoras á arte
O vindeiro xoves 29 de Febreiro ás 19.30h terá lugar no Museo Provincial de Lugo a inauguración da mostras As 7 e 7 – Hora de falar, comisariada por Sergio Marey (Pol, 1997). Que ocorre coas mulleres na arte? Onde están as obras das creadoras nos museos? Estas e outras moitas preguntas son as que nos facemos todos os días cando queremos falar das artistas, indagar sobre elas, traballar con elas... Pese a que nos últimos anos se deron pasos, aínda queda moito por facer.
As obras de mulleres nos museos seguen invisibilizadas, a súa presenza nas mostras é ínfima do mesmo xeito que nas academias, nas coleccións e nos recoñecementos. Mais xa non só falamos das grandes creadoras da nosa historia ou aquelas máis consagradas, senón tamén das dificultades que sofren as emerxentes, aquelas que comezan a súa andaina no mundo artístico, onde o seu acceso segue a ser complicado. As 7 e 7 é unha mostra que busca pular polo coñecemento e as achegas que elas fan á arte, ao pensamento de Galiza e do mundo, xa non só ao longo da historia senón tamén agora.
As 7 e 7 quere dar á coñecer ás 7 artistas cuxas obras están expostas no Museo Provincial de Lugo, sacalas a luz e valorizalas como as referentes artísticas que son. A mostra estará composta por obras seleccionadas de Maruja Mallo, Xulia Minguillón, Mónica Alonso, María Luísa Pérez Herrero, María del Carmen Corredoira, Violeta Bernardo e María del Carmen Álvarez de Sotomayor y Castro presentes nesta colección que se misturarán coas de outras tantas artistas emerxentes – Noa Costas Martín, Christina Chiarroni, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Greta Debelius e as irmás Noa e Lara Castro Lema -.
Poñer en valor o traballadora das creadoras
Desta maneira 7 artistas e colectivos actuais crearán 7 obras tendo como referencia as obras das 7 artistas da colección, dando como resultado unha mostra colectiva, As 7 e 7. Unha exposición que xunta pasado e presente, que pon en valor o traballo das mulleres creadoras. 14 obras, 14 mulleres, 14 pensadoras. Trátase dunha mostra para ensinar, para educar na nosa historia da arte pasada e actual, para aprender a mirar a arte das nosas creadoras, Unha das grandes fallas da nosa sociedade e que debido á falta de educación artística moita xente rexeita os espazos museísticos por non “entender” a arte. Porén durante a mostra desenvolveranse unha serie de actividades enfocadas na educación na arte. Haberá obradoiros para adultos e crianzas para axudar a comprender a arte, como nace, como a inspiración se plasma nelas.
Deste xeito, realizaránse actividades durante os obradoiros para aprender a través da comparación das obras da colección do museo e as creadas polas artistas contemporáneas. Tamén haberá visitas guiadas e unha mesa redonda moderada por Mónica Alonso, artista e membra da Real Academia de Belas Artes de Galiza, que contará coas artistas da mostra para falar dos retos e dificultades da muller na arte.