Inaugúrase este lunes un novo seminario técnico sobre orticultura na EPS
A directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero, inaugura este luns, ás 10.00 horas, no salón de actos do centro, o foro coordinado polos profesores Benigno Ruiz e Mª Belén Díaz e nos que tomarán parte máis de 30 investigadores, técnicos e profesionais de toda España.
A directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Rosa Romero, inaugura este luns 18 de setembro, a partir das 10.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués, o LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura, un foro coordinado polos profesores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Benigno Ruiz Nogueiras e Belén Díaz Hernández que se desenvolverá do 18 ao 22 de setembro..
O programa desta reunión científica, na que se agarda a participación de máis de 30 profesionais, investigadores e técnicos do sector hortícola procedentes de toda España, permitirá expoñer os resultados das últimas investigación e dos traballos de investigación desenvolvidos neste eido produtivo, un sector no que a produción de pataca constitúe o principal sinal de identidade da horticultura en Galicia.
O profesor Ruiz Nogueiras relatou que a 52 edición do Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura, unha reunión científica que botou a andar a finais dos anos 60 do século XX para unificar criterios e satisfacer as necesidades de transferencia de coñecemento a técnicos de investigación e especialistas das xa extintas axencias de extensión agraria e centros de capacitación agraria, mantense fiel aos principios que impulsaron estes foros.
Daquela, esta cita, que recala na sede universitaria luguesa logo da última edición celebrada o ano pasado en Almería, antóllase como un punto de encontro entre asesores e técnicos, especialistas en horticultura, investigadores de centros públicos e privados, administracións, oficinas comarcais agrarias, universidades, e un gran número de empresas e profesionais do sector agroalimentario español. O obxectivo fundamental, apunta Ruiz Nogueiras, é transferir o coñecemento xerado para conseguir produtos de calidade e garantir un futuro rendible e sostible para o sector hortofrutícola español, aproveitando as vantaxes que achega o consumo de froitas e hortalizas.
O coordinador deste seminario nacional sobre horticultura apuntou neste senso que, alén da visita técnica prevista a Xinzo de Limia para ver in situ, entre outros cultivos, plantacións de pataca, o programa da nova edición deste congreso contempla unha visita técnica ás instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, un organismo dependente da Xunta de Galicia, que desde a súa posta en marcha en 1988 realiza o servizo de transferir coñecementos e tecnoloxías ao agro galego.