Inaugúrase no Museo unha mostra fotográfica sobre o regreso dos restos de Castelao a Galicia

LugoXa
As imaxes tomadas polo fotoxornalista Xan Carballa nesa xornada histórica poderán verse ata o 30 de marzo en Lugo
exposicion-castelao-museo-lugo
9 Feb 2025

O Museo Provincial de Lugo acolle ata o 30 de marzo a mostra fotográfica Castelao. O retorno a Galicia, 1984, que reúne 52 imaxes tomadas polo fotoxornalista Xan Carballa durante o regreso a Galiza dos restos de Castelao, o 28 de xuño de 1984.

O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, a deputada de Cultura Iria Castro e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo Cristina López participaron no acto en que Xan Carballa e o comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña, detallaron e contextualizaron as fotografías que documentan o acontecido nesa xornada, precedida, segundo lembraron, do debate arredor da oportunidade da volta a Galiza de Castelao polo contexto político no que se producía.

A selección das fotografías reflexa, segundo explicou Xan Carballa, as múltiples sensibilidades que se concentraron aquela tarde en Compostela e a improvisación coa que se desenvolveu o acto, que confrontou coa cerimoniosidade e as honras coas que volveran do exilio Tarradellas ou Leizaola.

Programación conmemorativa '75 cabodano de Castelao (1950-2025)'

A mostra inaugurada este sábado, procedente do Museo de Pontevedra, forma parte da programación conmemorativa 75 cabodano de Castelao (1950-2025) coa que o Museo Provincial de Lugo difunde o legado artístico e político de Castelao no primeiro trimestre deste ano, coa colaboración de diferentes institucións galegas.

Outro dos proxectos expositivos que pode verse estes días no Museo é a mostra bibliográfica 75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza, que conmemora o setenta e cinco aniversario da publicación desta obra que Castelao asinou días antes de falecer, no exilio, en Arxentina.

Ademais, está prevista a celebración de dous relatorios: o día 20 de febreiro, o Museo Provincial de Lugo acollerá o de Fernando Arribas sobre as achegas de Castelao aos comezos da investigación científica dos cruceiros; o día 28 de febreiro, celebrarase a II Xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego, coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro, con intervencións de Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Victoria Carballo Calero, Diana Vila Meis e Francisco Rodríguez.

Castelao no Museo Provincial de Lugo

O Museo Provincial de Lugo conserva entre os seus fondos unha colección de trinta obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña 1886 - Bos Aires, Arxentina 1950), exposta integramente ao público. Unha sala monográfica dedicada ao artista dende o ano 2010, onde se recollen debuxos, gravados realizados con diversas técnicas e unha acuarela, feitos na súa maioría nos anos vinte do século XX, ubicada na sala 25 da primeira planta e dous óleos sobre cartón, Asno e gaivotas e Paisaxe con castiñeiro, que se poden ver na sala 13 dedicada ás Vangardas Históricas e Arte da posguerra.

0.17882299423218