Inaugúrase o proxecto Troya para facilitar a empregabilidade das persoas con síndrome de Down
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra, na inauguración do curso para o Desenvolvemento de Habilidades Empresariais, o proxecto Troya, impulsado pola Asociación Síndrome de Down de Lugo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
Este programa ten como finalidade mellorar a empleabilidade deste colectivo, e traballar de forma transversal noutros obxectivos, como a mellora da súa autonomía, habilidades coas novas tecnoloxías e habilidades sociais, xa que para os usuarios e usuarias da sociación a asistencia ás sesións é só unha parte do seu compromiso, en tanto que deberán manter un contacto cos seus mentores, ter rutinas de estudo, relacionarse co novo ámbito e utilizar o transporte público.
O curso levarase a cabo durante os mércores dos meses de outubro a decembro na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. Pablo Rivera destacou que a Deputación de Lugo é “a administración provincial que máis recursos dedica á colaboración co ensino superior público”, e recordou que o aumento de matrículas no Campus Terra neste curso, dun 7%, supón un “éxito cuantitativo”, que, sen embargo, “só ten valor se vén refrendado pola calidade” que poñen de manifesto precisamente iniciativas como o proxecto Troya.
A formación está destinada a persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual usuarias da entidade lucense que se atopan na busca ou mellora de traballo. “O emprego é a mellor política social, fonte de recursos económicos, mecanismo de sociabilidade e soporte da independencia persoal”, subliñou o Deputado, engadindo que, polo tanto, “fomentar o emprego das persoas con diversidade funcional ou intelectual é a mellor maneira de favorecer a súa integración”.
“É importante abrir os espazos da educación superior ás persoas con discapacidade e, no 20 aniversario da entrada en funcionamento da metodoloxía Emprego con Apoio, que tanto leva feito para promover a inserción laboral das persoas con síndrome de Down, o proxecto Troya dá un paso máis, ambicioso e necesario, no fomento da súa formación e autonomía”, afirmou. Pablo Rivera amosouse convencido do éxito da iniciativa, “unha aposta moi intelixente por converter a formación no cabalo de Troya que permita vencer as reticencias e resistencias que o mercado laboral aínda ofrece ó emprego das persoas con síndrome de Down”.
A institución provincial mantén unha colaboración económica anual coa Asociación Síndrome de Down de Lugo, á que achega preto de 13.500€ para o financiamento dos programas de promoción da autonomía persoal e social das vivendas comunitarias, e de formación, creación, experimentación e produción do grupo de teatro Down.