Inaugúrase o primeiro centro de día da provincia de Lugo que atenderá persoas con TEA

LugoXa
Miguel Fernández tivo unhas palabras para a presidenta de Raiolas, Inés Flores e o seu equipo “que traballou incansablemente para facer realidade este proxecto”
Inauguración-Centro-Día-de-Raiolas
21 sep 2024

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este sábado na inauguración do primeiro centro de día da provincia de Lugo que atenderá a persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA) ou Trastornos de Comunicación Social, así como ás súas familias.

Á inauguración deste espazo, cedido e acondicionado pola institución provincial para Raiolas, asistiron tamén a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.

Miguel Fernández tivo unhas palabras para a presidenta de Raiolas, Inés Flores e o seu equipo “que traballou incansablemente para facer realidade este proxecto”. Remarcou que “esta nova sede marca un importante fito na provincia na atención das persoas e familias afectadas por esta doenza. Porque este centro, que dispón de 15 prazas, facilita a súa estancia mediante o uso de metodoloxías específicas e de adaptacións físicas, espaciais e materiais”.

Detallou Fernández que a Deputación cedeu gratuitamente o local da antiga gardería do Campus de Lugo “para que Raiolas puidese desenvolver este servizo” e tamén investiu preto de 112.000 euros nas obras de acondicionamento e mellora “para garantir que as instalacións ofrezan unha atención integral e especializada”.

O centro leva en funcionamento uns meses e conta con dúas aulas, cociña, comedor e un pequeno horto situado na zona exterior, entre outros espazos que permiten desenvolver diferentes actividades e obradoiros de intervención grupal e individual, así como prestar un servizo de orientación e asesoramento ás familias.

Ademais, a Deputación mantén con Raiolas “unha colaboración continua para facilitar a atención especializada a 65 usuarios e usuarias con TEA e a 115 pais e nais”. En concreto, a institución provincial destina 22.000€ a esta entidade para levar a cabo un proxecto que se realiza nos domicilios e que proporciona un servizo de apoio e guía.

0.21819305419922