Inaugurouse a Casa da Misericordia de Cáritas Diocesana en Lugo

Diversas personalidades da Deputación de Lugo, da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo participaron na inauguración da Casa da Misericordia de Cáritas Diocesana en Lugo.
O diputado Rivera Capón destacou que este novo espazo “permitirá albergar temporalmente a presos que salgan de prisión e non teñan onde quedarse”.
Pola súa parte, o director xeral de Inclusión Social da Xunta, Arturo Parrado, destacou o interese deste novo recurso destinado á reinserción social das persoas que saen do cárcere.
Arturo Parrado sinalou que a Casa da Misericordia é un recurso integral, caracterizado pola personalización dos apoios e nunha contorna urbana para fomentar unha mellor integración social. Así mesmo, destacou a importancia de ofrecer unha atención profesional e de calidade como a que representa esta iniciativa.
Nesta liña, o director xeral fixo fincapé en que este recurso pola súa orientación específica ten, ademais, un carácter novidoso e complementario a outros promotores da inclusión social da poboación vulnerable. Máis alá de atender as necesidades básicas e apoiar os procesos de reinserción social das persoas en reclusión ou exreclusión, comprende a atención aos seus achegados.
Durante o acto, Arturo Parrado tamén agradeceu o labor da entidade social por seguir impulsando iniciativas de atención ás persoas máis vulnerables. Deste xeito, trasladoulle o compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando e colaborando para axudar a todas as persoas en risco de exclusión social.
O director xeral lembrou que o Executivo galego colabora con outras iniciativas de reinserción social de reclusos. Así, a Consellería de Política Social e Igualdade conta con equipos de inclusión social que traballan no programa Nelson Mandela, orientado a asesorar ás persoas dos centros penitenciarios de Teixeiro e A Lama e promover proxectos de inclusión sociolaboral que podan continuar unha vez acaden a súa liberdade. Ademais, desenvólvense diferentes iniciativas para facilitarlles a busca dun novo fogar.