Inaugurouse a exposición 'A Galicia cereira dos séculos XVIII e XX: velas, velóns e exvotos'

LugoXa
A exposición representa unha oportunidade para preservar e difundir este legado que forma parte da identidade galega
Exposición-A-Galicia-cereira-dos-séculos-XVIII-e-XX-Lugo
31 Out 2024

A deputada de Cultura, Iria Castro, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza de Lugo, Cristina López, inauguraron a exposición 'A Galicia cereira dos séculos XVIII e XX: velas, velóns e exvotos'.

A mostra, organizada pola Concellería de Participación, recolle e exhibe vestixios etnográficos que amosan o proceso de manipulación da cera: lagares de viga, fornillas, pailas, pías de decantación e solidificación, eiras e tendais para o branqueo da cera, así como as ferramentas propias dos talleres de borreiros. Estes elementos forman parte dun patrimonio seudoindustrial que singularizou a Galicia e a posicionou como referente a nivel estatal nesta tradición ancestral.

A exposición representa unha oportunidade para preservar e difundir este legado que forma parte da identidade galega, garantindo que este coñecemento popular non caia no esquecemento. A través de milleiros de colmeas protexidas en alvarizas dispersas pola cordilleira galega, xurdiu unha importante industria cereira que, á diferenza do mel, orientouse cara á comercialización, converténdose nunha fonte significativa de ingresos económicos.

No Lugo do século XIX, rexistrábase unha produción anual de entre seis e sete mil libras de cera, equivalente a aproximadamente tres toneladas. Este feito reflicte a magnitude da industria e o importante papel que xogaba na economía local.

0.10572004318237