Inaugurouse no Museo a mostra sobre 'Sempre en Galiza' de Castelao
Inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a mostra Sempre en Galiza. 1944-2024, sobre a obra cumio do pensamento político de Castelao, un alegato a prol do recoñecemento da identidade nacional de Galiza,
A mostra, comisariada por Henrique Monteagudo e coordinada por Xesús Domínguez Dono, plásmase en oito paneis que resumen o contido da obra, con textos descritivos e reproducións de fotos históricas e debuxos de Castelao.
Trátase dunha descrición cronolóxica, que explica os textos en relación coa súa actividade política desde 1934, cando asina os primeiros artigos, no desterro estremeño, ata 1944, cando se funda o Consello de Galiza, goberno galego no exilio do que foi primeiro presidente, e se publica a primeira edición da obra.
A mostra, producida por Merlín Comunicación e Editorial Galaxia, exponse no Museo xunto a unha primeira edición de Sempre en Galiza, publicada na Arxentina pola editorial As Burgas do Centro Orensano de Buenos Aires, na imprenta Artes Gráficas Bartolomé U. Chiesino, o 10 de marzo de 1944.
A publicación, que foi enviada clandestinamente a Galiza, inclúe unha dedicatoria a José Conde, poeta e pintor ourensán que emigrou en 1935 á Arxentina, onde debeu coñecer a Castelao e lle asinou o libro. En Bos Aires participou activamente na vida cultural da emigración galega e fundou a revista Mundo Gallego, que publicou números entre 1951 e 1952. Retornou a Ourense nos últimos anos da súa vida, nos que fixo colaboracións coa prensa local.
Na inauguración da mostra, na que participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro, a deputada de Cultura Iria Castro subliñou a “necesidade de recuperar e difundir entre a cidadanía o pensamento e a dimensión política de Castelao”, que el mesmo reivindicou consubstancial á artística desde a súa condición de exiliado.
A responsable provincial tamén valorou “o carácter divulgativo da exposición, que achega á cidadanía unha obra política fundamental para a historia galega contemporánea”. A mostra permanecerá exposta no Museo ata o 30 de marzo de 2025.
Programación conmemorativa 75 cabodano de Castelao (1950-2025)
A mostra inaugurada esta tarde forma parte da programación conmemorativa 75 cabodano de Castelao (1950-2025) coa que o Museo Provincial de Lugo difundirá o legado artístico e político de Castelao no primeiro trimestre deste ano, coa colaboración de diferentes institucións galegas.
Outro dos proxectos expositivos que pode verse estes días no Museo é a mostra bibliográfica 75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza, que conmemora o setenta e cinco aniversario da publicación desta obra que Castelao asinou días antes de falecer, no exilio, en Arxentina.
Ademais, está prevista a celebración de dous relatorios: o día 20 de febreiro, o Museo Provincial de Lugo acollerá unha ponencia de Fernando Arribas sobre as achegas de Castelao aos comezos da investigación científica dos cruceiros; o día 28 de febreiro, celebrarase a II Xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego, coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro, con intervencións de Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Victoria Carballo Calero, Diana Vila Meis e Francisco Rodríguez.
O Museo Provincial de Lugo conserva entre os seus fondos unha colección de trinta obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña 1886 - Bos Aires, Arxentina 1950), exposta integramente ao público. Unha sala monográfica dedicada ao artista dende o ano 2010.