Inaugurouse o obradoiro de emprego 'Vía Künig VI' dos concellos de Becerreá, Baralla e As Nogais

LugoXa
O obradoiro que agora se pon en marcha estará centrado na colocación de pedra natural, con sete alumnos en Becerreá, outros tantos en Baralla e seis nas Nogais
obradoiro-de-emprego Vía-Künig-VI-Becerreá
14 Dec 2024

Inaugurouse o obradoiro de emprego Vía Künig VI, promovido polos concellos de Becerreá, Baralla e As Nogais e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que estes dous proxectos que se suceden "suman un investimento autonómico de 943.000 euros e ofrecen oportunidades para un total de 40 persoas desempregadas en especialidades relacionadas coa construción, que presentan unha elevada demanda no mercado laboral”.

Ademais, garanten a continuidade dos traballos de mellora de espazos públicos que acometen como parte da aprendizaxe práctica dos alumnos traballadores.

O obradoiro que agora se pon en marcha estará centrado na colocación de pedra natural, con sete alumnos en Becerreá, outros tantos en Baralla e seis nas Nogais. No primeiro concello, van repoñer os muros e a fonte pública de Vilouta de Arriba, e reformarán o interior do edificio municipal de usos múltiples e o muro e a beirarrúa do centro social.

En Baralla executarán unha fachada para o centro sociocultural e repoñerán muros de peche de camiños en Lexo, Lexocairo, Quintela e Vale. Nas Nogais tamén actuarán sobre os muros de peche do camiño no entorno da igrexa de Nullán e rehabilitarán a praza deste núcleo.

Espazos públicos mellorados

Os participantes na quinta edición do obradoiro aprenderon durante o último ano a especialidade de Fábricas de albanelería, e o seu labor serviu para rehabilitar lavadoiros, fontes, sendas, beirarrúas e outros bens públicos.

A modo de exemplo, en Baralla restauraron os lavadoiros de Vilanova e Arroxo ou a senda peonil paralela á N-VI. Nas Nogais actuaron sobre as fontes de Casares, Estacas e Ferreiras, no acondicionamento de camiño en Vilaicente para o acceso dos servizos de emerxencias ou no muro de peche da igrexa de Torés.

Pola súa banda, en Becerreá acondicionaron camiños en Doncos, Ouselle e a igrexa de Cruzul, rehabilitaron a escola de Vilouta e a fonte de Pando, e repararon varias beirarrúas.

 

0.18093109130859