Independentes por Rábade alerta do deterioro do Cine Man e critica a falta de aposta pola súa recuperación

LugoXa | TerraChaXa
A reforma actual prevé converter o Cine Man nunha sala de exposicións e nun espazo destinado a actividades culturais
cine-man-rabade
6 Dec 2025

Independentes por Rábade acusa ao actual goberno municipal de abandonar o proxecto de recuperación do histórico Cine Man, un espazo que consideran “envexado por moitos concellos” e que, segundo denuncian, está a sufrir “un rápido e continuo deterioro” pola falta de avances e coidados. A formación lembra que, durante a campaña electoral, o executivo xa “desprestixiara” esta instalación, e anuncian que moitas rabadenses “loitarán” para evitar que desapareza un edificio cun valor simbólico e cultural único na vila.

O Cine Man, situado na rúa Ángel Pena, forma parte do imaxinario colectivo das veciñas e veciños de Rábade desde a súa inauguración en 1945. Con 415 prazas e pratea, converteuse durante décadas no espazo onde moitos habitantes viviron as súas primeiras experiencias cinematográficas. Entre eles está José María Prado, quen chegaría a ser director da Filmoteca Española. Polas súas butacas pasaron clásicos como Dónde vas, Alfonso XIII, Pierrot le fou ou filmes de Cantinflas, Buster Keaton e o Hollywood dourado. Nos anos seguintes transformouse na sala de festas Agarimo, un negocio de éxito que atraía público de toda Galicia ata os anos 80.

Tras varios proxectos fallidos e un longo período de abandono, o Concello adquiriu o inmoble en 2019 co obxectivo de rehabilitalo. As obras avanzaron lentamente debido ao grave deterioro estrutural, á necesidade de derrubar anexos en mal estado e ao incremento dos custos dos materiais que deixou baleira a primeira licitación da última fase. En 2021 realizouse unha mellora da cuberta e da contorna, e o orzamento municipal de 2024 destina case a metade do investimento —480.000 euros procedentes de fondos europeos— á súa reforma. Aínda así, segundo recoñece o propio Concello, estes fondos non serán suficientes para garantir unha apertura a curto prazo, malia que o anterior rexedor fixara como horizonte o verán ou outono de 2023.

A reforma actual prevé converter o Cine Man nunha sala de exposicións e nun espazo destinado a actividades culturais. Porén, profesionais do sector como Carlos Coira, fundador de Pinconús Teatro, expresan dúbidas sobre o deseño previsto. Critican que a distribución responda a un modelo “multifuncional que non funciona ben para nada en concreto”, cun escenario pequeno, excesivamente elevado, sen iluminación profesional pensada, con moi poucos asentos e con baños situados detrás do escenario, dificultando o uso teatral. Apuntan tamén que se podería conservar a pantalla de cine, ampliar o escenario, instalar unha grada estable e deseñar unha sala con capacidade para arredor de 150 persoas, “ideal para Rábade”.

A alcaldesa, Remedios González, defende que o inmoble “vai tomando camiño”, e que contaron co asesoramento dos irmáns Coira para comprender as necesidades dunha sala cinematográfica. A intención municipal, asegura, é orientar o espazo principalmente á exposición e á programación cultural, conservando elementos orixinais como o lenzo traseiro.

Porén, para Independentes por Rábade, o futuro do Cine Man segue ameazado se non se aposta por unha rehabilitación integral e ambiciosa. Consideran unha “mágoa” que un edificio cunha traxectoria tan relevante para a historia local —un referente cultural, cinematográfico e musical durante décadas— poida quedar reducido a un proxecto “sen alma” e que non garanta a continuidade da súa función cultural.

⚙ Configurar cookies
0.080626964569092