Independentes por Rábade critica a falta de limpeza das leiras municipais no casco urbano

LugoXa | TerraChaXa
Insisten en que o Concello debería cumprir coas súas obrigas de mantemento para garantir tanto a seguridade cidadá como a imaxe da vila
limpeza-fincas-rabade
4 Sep 2025

O grupo Independentes por Rábade cualificou de positivo que o Concello publique vídeos en TikTok con consellos para a prevención de lumes e que envíe requirimentos a particulares instándoos á limpeza das súas leiras.

Porén, lamentan que o propio goberno local non dea exemplo e manteña sen desbrozar parcelas de titularidade municipal situadas en pleno casco urbano, que, segundo denuncian, non recibiron atención algunha desde o inicio do actual mandato.

Entre os espazos afectados sinalan terreos municipais na fase 3 do Polígono Industrial, na marxe dereita da estrada de Vicinte, na vía de unión entre os dous polígonos, así como o Parque das Froiteiras e os antigos cuarteis de enxeñeiros.

Desde Independentes por Rábade insisten en que o Concello debería cumprir coas súas obrigas de mantemento para garantir tanto a seguridade cidadá como a imaxe da vila.

Este requirimento fíxose logo do sucedido este verán nos montes do sur da provincia e de Ourense, que foron arrasados polo lume debido ao estado no que se atopaban.

⚙ Configurar cookies
0.21106600761414