Informan ás pemes lucenses dos programas para impulsar a innovación
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá nunha xornada informativa de presentación das axudas á innovación para as pemes da provincia de Lugo, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo. O obxectivo desta xornada era dar a coñecer as novidades nos requisitos e características das novas convocatorias abertas ou próximas a publicar, resolver dúbidas e propiciar un espazo de networking para o contacto entre entidades. Ademais, aquelas pemes que o solicitaron participaron nun taller de asesoramento en materia de innovación.
Con esta xornada, que se repetirá nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra en vindeiras datas, a Axencia Galega de Innovación quere animar ás micro, pequenas e medianas empresas galegas a innovar, independentemente do seu tamaño, localización, ou sector. Para iso, ponse á súa disposición non só axudas económicas, senón apoios nun sentido máis amplo como asesoramento ou axuda na preparación de propostas a programas europeos, por exemplo. Estes apoios están incluídos no Mapa de apoios conxunto da Xunta de Galicia á I+D+i que integra 37 instrumentos de 13 departamentos.
Axudas á innovación para pemes
En concreto, na xornada de hoxe presentáronse as convocatorias de Bonos de Innovación, a liña 1 de Sinerxías para programas europeos, DeseñaPeme e InnovaPeme. Bonos de Innovación, dotada cun orzamento de 750.000 euros, ten aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 22 de febreiro. O seu obxectivo é impulsar os primeiros pasos para innovar en autónomos, microempresas, pemes e entidades do terceiro sector de acción social, e ademais permitir dar visibilidade á innovación que estas levan a cabo. Para iso, apoia a contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.
Pola súa banda, os Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i (dentro do programa Sinerxías e complementariedades cos programas europeos de I+D+i), destinará 500.000 euros en concorrencia non competitiva a apoiar a preparación de propostas a convocatorias europeas de I+D+i, tanto de pemes como de organismos de investigación, co obxectivo de impulsar a participación de entidades galegas nestes programas. Esta liña de axudas, cuxas intensidades de axuda oscilan entre o 30 e o 60%, prevese publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas vindeiras semanas.
Por último, InnovaPeme e DeseñaPeme, dotada con 4,5 millóns de euros, publicarase o vindeiro 13 de febreiro no DOG. Trátase de axudas dirixidas a pemes para financiar as actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, co obxectivo de sistematizar e fortalecer a innovación nestas empresas. A intensidade da axuda é do 50% e o importe pode oscilar entre 25.000 e 75.000 euros.
No transcurso da xornada, dúas pemes innovadoras presentaron a súa experiencia nestas convocatorias. Trátase da queixería Airas Moniz, beneficiaria de Bonos de Innovación 2023, e Gráficas Nogueira, microempresa de artes gráficas e embalaxes, localizada en Sarria e beneficiaria dunha axuda do programa InnovaPeme en 2022.
Para presentar en detalle estas axudas, entre outras liñas de apoio á I+D+i da Axencia Galega de Innovación, celebraranse outras tres xornadas presenciais, no resto das provincias: o 31 de xaneiro en San Cibrao das Viñas (Ourense); o 2 de febreiro en Vilagarcía de Arousa e o 6 de febreiro en Ferrol. As inscricións poden realizarse na web da Axencia Galega de Innovación.