Infraestruturas renova a pavimentación da contorna da catedral lucense
O tenente alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou dos traballos que se están a realizar na contorna da catedral, de cara a mellorar a pavimentación da zona. “Trátase dunha pequena intervención que nos vai permitir mellorar a imaxe dunha zona moi concorrida do centro da cidade cuxo pavimento estaba xa moi desgastado”, explicou Rubén Arroxo.
Os traballos a realizar consisten na renovación do empedrado da zona, que se atopaba nun avanzado estado de deterioro e mostraba baldosas rotas e afundidas. Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas planificáronse os traballos buscando reducir ao máximo as molestias á veciñanza garantindo o paso pola zona.
O tenente alcalde explicou que “desde o Goberno de Lugo seguimos a traballar para mellorar os espazos públicos con este tipo de pequenas actuacións, que non supoñen un grande custo para o concello, e que benefician a toda a veciñanza e ás persoas que nos visitan”.