Inicia o procedemento para contratar o servizo de limpeza municipal que incrementará o seu presuposto nun 30%

LugoXa
Esta semana iniciarase o procedemento para contratar o servizo de limpeza nos diferentes centros e dependencias municipais, así como nos colexios públicos de ensino infantil e primario da cidade.
27 Dec 2022

Esta semana iniciarase o procedemento para contratar o servizo de limpeza nos diferentes centros e dependencias municipais, así como nos colexios públicos de ensino infantil e primario da cidade.

“Unha licitación - artellada nun só lote para incrementar a súa eficiencia - que suporá un antes e un despois na prestación”, segundo recoñeceu a rexedora, “non só polo incremento dos parámetros de calidade que contempla, senón tamén pola inclusión no mesmo das novas instalacións que están en execución ou a punto de entrar en funcionamento, o que obriga a un esforzo orzamentario considerable, xa contemplado nos Presupostos de 2023”.

Lara Méndez explicou que os pregos, que serán aprobados mañá en Xunta de Goberno, recollen xa a necesariedade de ofrecer un amplo grao de flexibilidade e total cobertura da programación que, pola súa consideración, teñen estes edificios, así como a adaptación á metodoloxía de traballo que se leva a cabo neles.

“En consecuencia, o horario e as tarefas a realizar deberán adaptarse e planificarse en función da organización e uso das diferentes instalacións, coa finalidade de poder prestar un servizo integral no que se teña en conta dende o número ata o perfil das persoas usuarias ou beneficiarias en cada unha delas, a intensidade e frecuencia de uso das diferentes superficies ou a súa estacionalidade, entre outras particularidades”, sinalou, de maneira que o licitador deberá proxectar, analizar e estudar cada un dos edificios e, en base á calidade que se espera, asignar os medios mecánicos e humanos necesarios.

Debido a isto, a alcaldesa destacou que, mentres o proceso se manteña aberto e por razóns de interese público, a área de Medio Ambiente considerou conveniente establecer unha visita in situ das instalacións.

“A finalidade é que os licitadores dispoñan de información precisa e o máis completa posible para presentar unha oferta adecuada ás necesidades que se tratan de satisfacer con este contrato, cuxa duración será de catro anos, prorrogable por outro exercicio máis, e que ten un valor estimado de 15.193.448 euros o que supón en torno a un 30% máis que o actual”, engadiu Lara Méndez.

Detalles técnicos da licitación

A rexedora lucense deu conta de que o novo contrato inclúe a realización de limpezas habituais ou ordinarias (que son aquelas que teñen unha frecuencia diaria e superior á diaria pero inferior á semanal), limpezas programadas (tamén de execución diaria pero con menor nivel de esixencia ou dificultade técnica como limpezas de cristais, teitos e luminarias, etc) e limpezas extraordinarias para atender a aquelas necesidades imposibles de programar, como por exemplo as derivadas de feitos naturais como inundacións, temporais, etc.

“Contémplase ademais a realización dun máximo de 3.400 horas anuais para atender á execución de traballos a demanda, que son os considerados como por encima do previsto, a maiores da carga horaria mínima, e que se atopan motivados por necesidades extraordinarias e xeralmente imprevistas e ineludibles vinculadas a causas sobrevindas en calquera dependencia e por calquera motivo”, subliñou.

Por outra banda, Méndez cuantificou en máis de 80 inmobles as localizacións a atender, tendo en conta a previsión de incorporación de media ducia de novas dependencias ao parque inmobiliario municipal como poden ser as Caldas, o Coliving, o Edificio Impulso Verde; o novo Auditorio, o Centro de Benestar Poeta Aquilino Iglesia ou a Cloaca Romana que pasarán a integrarse no contrato toda vez estean operativas.

Así, a alcaldesa enumerou as diferentes categorías de edificios que serán atendidos con esta adxudicación e que se dividiron en centros educativos, incluídos os ceip’s, parvularios e garderías municipais e o Parque Infantil de Tráfico. Dependencias de Servizos Sociais, nas que se atopan, alén dos centros cívicos e resto de actividades coas que comparten dependencias, dependencias para actividades deportivas, tales como polideportivos, pavillóns e campos de fútbol, pistas de atletismo e os baños da pista de vehículos teledirixidos de Frigsa. Tamén as dependencias para actividades culturais, como o Auditorio, a Biblioteca, a Casa da Xuventude, os Museos, a Casa da Música ou o Vello Cárcere e Novas Tecnoloxías, entre outros e as dependencias de economía e servizos, como a Casa Consistorial, o edificio de servizos administrativos, a Policía Local, o Parque de Bombeiros, o parque móbil municipal, o CEI ou o Centro de Saúde de Nadela.

Lara Méndez incidiu en que “a pretensión é que sexa unha prestación permanentemente xestionada e viva o que, á súa vez, require dun alto grao de supervisión e control. De maneira que a empresa adxudicataria deberá presentar un Plan de Servizos que terá que actualizar cada cuadrimestre, no que se recollan as modificacións que pretenda aplicar en todos os ámbitos como as frecuencias, reforzos, ampliacións ou reducións horarias por centro, desenvolvemento dos servizos programados, etc”.

Un documento no que figurará non só a información relativa á organización do servizo en xeral, senón tamén outros aspectos como o organigrama, a distribución de persoal en cada centro coa súa carga horaria, frecuencias e mesmo as tipoloxías dos tratamentos a aplicar.

A este respecto, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, referiu que as zonas a limpar foron divididas segundo as súas necesidades, en función de se precisan dunha limpeza unha vez ao día; de se o seu aseo vén determinado por circunstancias como a periodicidade da súa utilización, a climatoloxía ou a actividade que se desenvolve no centro no que se atopan, ou aquelas cuxas necesidades de hixiene superan á frecuencia semanal.

O edil fixo, tamén, alusión ao conxunto de tarefas que deberá acometer a empresa adxudicataria entre as que figuran a limpeza, varrido, baleirado de papeleiras, o lavado de alfombras, moquetas, cortinas e bandeiras, cristais, billas, espazos comúns, marcos de portas e fiestras, persianas, azulexos e zócalos, cromados, falsos teitos, carpintería, paredes, puntos de luz, material informático e telefonía, radiadores, residuos, elementos metálicos, extintores e mobiliario, así como limpezas en altura, ascensores, arquivos e pintadas, alén do mantemento do céspede, sebes e arbustos das zonas verdes anexas ás dependencias.

“En canto aos tratamentos a aplicar estes inclúen dende o varrido, o fregado en seco, aspirado de po, fregado a man e a máquina, aspirado de auga, limpeza húmida de aparatos sanitarios e aseos, limpeza con mopa impregnada, abrillantado, aplicación de ceras, decapados, sistema de inxección extracción para o lavado de moquetas e superficies téxtiles. Todo isto sempre con criterios de máxima eficiencia enerxética, velando sempre por un consumo racional tanto da iluminación como da auga sobre a cal haberá que prestar unha especial atención para evitar perdas ou fugas”, sinalou Miguel Fernández.

Parámetros medioambientais e control de calidade.

O responsable de área avanzou, igualmente, que será obriga da empresa retirar os residuos de cada unha das dependencias obxecto de contrato, respectando os criterios de clasificación de contedores de reciclaxe existentes ou futuros, conforme á normativa autonómica ambiental.

“Será condición especial de execución que os produtos para utilizar nos centros sexan portadores do distintivo de garantía de calidade ecolóxica da Unión Europea e terase moi en conta, tamén, a promoción da reciclaxe de produtos e uso de envases reutilizables e sostibles, así como a achega de papeleiras e cubos ou colectores adecuados (para facilitar a separación en orixe e a posterior reciclaxe dos residuos) fabricados en cartón, ou con materiais reciclados ou elementos libres de plásticos”, engadiu.

“Do mesmo xeito, non se poderán utilizar substancias químicas perigosas para o medio ambiente”, afirmou Fernández.

O concelleiro de Medio Ambiente trasladou que a prestación do servizo será obxecto de vixilancia, inspección e control de calidade de maneira permanente a través dun ‘Control Operativo’ mensual, ao tempo que indicou que a empresa deberá implantar unha ferramenta informática de xestión que inclúa un sistema de control de presenza cuxos datos servirán para verificar o cumprimento do Plan de Servizos antes mencionado.

Renovación do material e incremento do cadro de persoal

Antes de concluír, Miguel Fernández fixo fincapé na importante renovación do material técnico que suporá a entrada en vigor do novo contrato, en tanto implicará a adquisición de 2 fregadoras industriais, 1 varredora eléctrica (de pé) para patios, 4 rotativas, 2 máquinas abrillantadoras, 2 limpa moquetas, 4 aspiradoras de po industriais, 1 aspiradora de líquidos industrial, 4 fregadoras – secadoras profesionais, 2 hidrolimpadoras para limpeza e lavado de exteriores a presión de tipo industrial, 1 equipo completo para limpeza de cristais, 2 sopladores eléctricos, 1 tractor cortacéspede, 1 corta sebes eléctrico, 2 rozadoras, 1 motoserra e 1 podadora de altura, entre outros equipamentos, ademais dos diferentes produtos consumibles de uso hixiénico.

En canto ao persoal – que estará regulado polo Convenio Provincial de Limpeza de Edificios e Locais de Lugo - o concelleiro de Medio Ambiente confirmou a obriga de proceder á subrrogación das e dos actuais empregados que se incrementarán nun 17 %, pasando de 82 traballadore/as a 96, para os que se propuxo un incremento salarial do 5% para a primeira anualidade (2023) e do 3% en posteriores exercicios, sendo tamén imperativo para as novas contratacións contar con, polo menos, un 5% de traballadores pertencentes a colectivos vulnerables (discapacidade recoñecida, risco de exclusión social, violencia de xénero, mozo/a primeiro emprego, etc).

0.17572689056396