Iniciadas as obras da vía que une Pedrafita con Seoane do Courel

LugoXa | RibeiraSacraXa
A Deputación inicia as obras de renovación doutrotramo da estrada de Pedrafita do Cebreiro a Seoane do Courel
Obras mellora Pedrafita  courel
5 Xul 2022

A Deputación de Lugo iniciou este luns as obras de renovación doutro tramo da LU-P-1301, que conecta os concellos de Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel e nas que a institución provincial inviste preto de 300.000€. Estes traballos afectarán ao tramo que vai dende o punto quilométrico 8,670 ao 10,700, e que terán un prazo de execución de 12 meses.

Os traballos neste treito consistirán na ampliación da estrada, pasando dos actuais 4 metros ata os 5,5 metros de ancho. Tamén se farán tarefas de drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal e vertical. Ademais, vanse colocar balizas de neve, paneis direccionais, fitos quilométricos, carteis e novos tramos de barreira metálica de seguridade. Tendo en conta que as actuacións se fan na súa totalidade nunha zona que pertence á Rede Natura 2000 dos Ancares, búscase realizar unha actuación cun impacto medioambiental mínimo.

Estas actuacións forman parte das obras de rehabilitación dos 6 quilómetros que quedaban pendentes nesta estrada entre Pedrafita e Seoane, e que se suman ás xa rematadas entre os puntos quilométricos 10,700 e o 12,591, ás que destinou outros 245.000 euros. Xa están licitados tamén os traballos de mellora do treito que vai do punto quilométrico 7,350 ao 8,670 e que contan cun orzamento de máis de 235.000 euros.

A institución provincial destina en total preto dun millón de euros nesta estrada cumprindo coa palabra do seu Presidente, José Tomé Roca, de arranxar neste mandato os 6 quilómetros que quedaban pendentes para a súa rehabilitación completa.

A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato máis de 14 millóns de euros en infraestruturas viarias na Montaña a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, preto de 900 quilómetros percorren esta comarca, repartidos en 110 vías.

Discorren polos municipios de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.

A institución provincial actúa nas estradas da comarca con proxectos de mellora, a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.

0.13206911087036