Iniciadas as obras de renovación do aparcadoiro do cemiterio de Lugo

LugoXa
Comeza a renovación do asfalto do aparcadoiro exterior do Cemiteiro Municipal no que o Concello de Lugo inviste 71.722 euros.
Obras cemiterio
18 Maio 2022

O Concello de Lugo vén de comezar os traballos de renovación do asfaltado do aparcadoiro exterior do Cemiterio Municipal. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron hoxe este espazo.

“Trátase dos viais que unen o cemiterio coa estrada de Esperante e coa Estrada Vella de Santiago, unha zona cuxo asfalto está xa moi desgastado e que fai preciso realizar unha actuación integral para garantir o funcionamento axeitado deste vial”, dixo o vicealcalde.

Os traballos, que supoñen un investimento de 71.722 euros, arrancaron hoxe coa limpeza do firme. Ao longo de 21 días aplicarán unha nova capa de rodadura.
Rubén Arroxo destacou o traballo executado pola Tenencia de Alcaldía nos últimos anos para garantir as mellores condicións posibles no Cemiterio Municipal.

“Durante o 2020 ampliamos o cemiterio, primeira ampliación que se fai desde o 2006, e nos últimos anos consolidouse a programación cultural, que se realiza de xeito estable durante todo o ano”, afirmou o concelleiro, que engadiu “continuamos a traballar na mellora do Cemiterio para consolidalo como un referente internacional no eido dos cemiterios patrimoniais”.

O actual Cemiterio Municipal de San Froilán substituíu ás antigas instalacións de Magoi. A versatilidade do deseño de Eloi Maquieira para realizar actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo.

0.22673797607422