Iniciadas as obras na rúa Fisterra de Lugo
Deu comezo no día de hoxe ás obras para eliminar o tapón urbanístico da rúa Fisterra, que forma parte da estrada autonómica LU-114. Os traballos de mellora da seguridade viaria realízanse en concreto na marxe dereita da vía á altura do punto quilométrico 1,100.
As obras executaranse no prazo máximo de tres meses e contan cun orzamento de máis de 48.000 euros. O lugar está ocupado por unha finca privada con varias edificacións que impedían homoxeneizar o ancho ao do resto da vía, e foi preciso destinar 15.500 euros para a expropiación dos dous predios necesarios, que forman unha franxa cunha superficie de 80 metros cadrados.
A intervención consistirá no ensanche e mellora deste punto, corrixindo o estreitamento na contorna. Para iso, levarase a cabo a ampliación da plataforma para albergar un carril de circulación, unha beirarrúa de 1,75 metros de ancho na marxe dereita que dea continuidade ao itinerario peonil e unha banda de aparcadoiro de 2,5 metros de ancho.
As actuacións incluirán a demolición das edificacións e instalacións existentes, así como o muro de contención. Construirase, durante a execución dos traballos, un muro para contención de terras cunha altura máxima de 2 metros e un novo peche para a parte da finca non expropiada. Como actuacións complementarias, reporase o servizo de abastecemento, así como a rede eléctrica e de telefonía.