Inician a rehabilitación da Fábrica da Luz para transformala nun centro enogastronómico

O Concello de Lugo pon en marcha as obras de rehabilitación da antiga Fábrica da Luz, un edificio histórico situado á beira do río Miño que se converterá nun futuro centro enogastronómico divulgativo.
O proxecto respectará a estrutura orixinal do edificio e as características arquitectónicas que o converten nun referente do patrimonio industrial da cidade. Contará con espazos diáfanos para eventos gastronómicos, xuntanzas e puntos de divulgación e degustación, mellorando a eficiencia enerxética, substituíndo carpinterías por elementos de altas prestacións, reforzando a estanqueidade e restaurando fachadas e instalacións deterioradas.
Esta intervención permitirá recuperar un espazo de gran valor histórico, que a finais do século XIX foi clave no abastecemento eléctrico da cidade, e convertelo nun punto de referencia para a difusión da cultura gastronómica e vinícola de Lugo e a súa contorna. Co inicio das obras, o Concello reafirma o seu compromiso cun modelo de cidade sostible, innovador e centrado na defensa do patrimonio, na promoción dos produtos locais e na mellora da calidade de vida.
O alcalde, Miguel Fernández, e o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, visitaron o inmoble coincidindo coa firma de replanteo da obra, que terá un prazo de execución de catro meses e se enmarca dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino.
Durante a visita, Fernández destacou que a recuperación da Fábrica da Luz “non é só unha actuación sobre un edificio histórico, senón unha aposta clara polo futuro de Lugo, pola súa economía e pola súa identidade”. Subliñou que o proxecto “forma parte dunha visión de cidade que busca integrar patrimonio cultural, territorio e sectores produtivos, conectando a nosa historia coa natureza e co enorme potencial gastronómico que posuímos”. O alcalde engadiu que este tipo de iniciativas “contribúen a construír unha cidade máis cohesionada, con máis oportunidades e cun modelo turístico baseado na calidade, na sustentabilidade e no orgullo polo noso”.
O concelleiro Mauricio Repetto resaltou que este novo centro impulsará a actividade económica vinculada ao turismo, á hostalería e ao comercio local, sectores fundamentais para o desenvolvemento de Lugo e a consolidación do seu posicionamento como destino atractivo. Repetto destacou que a iniciativa permitirá transformar un espazo histórico nun punto de encontro para a divulgación, a formación e a promoción dos produtos locais, fortalecendo a presenza de Lugo nos circuítos turísticos e gastronómicos.
O alcalde concluíu que “a Fábrica da Luz será un novo orgullo para Lugo, un exemplo de como o patrimonio se pode transformar en oportunidade, en economía e en futuro”, e subliñou que “Lugo avanza grazas á capacidade da súa xente e dos seus sectores, e esta actuación é unha mostra máis de que cremos no que somos e no que podemos chegar a ser”.