Inician as obras do estacionamento e a mellora viaria do Parque Central de Galicia
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron este xoves o inicio das obras para a creación dunha zona de estacionamento e a mellora viaria do Parque Central de Galicia, o proxecto da institución provincial para poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante de Antas de Ulla.
O proxecto que arrancou hoxe conta cun orzamento de 250.000€ e ten un prazo de execución de 6 meses. Consiste en dúas actuacións. Por unha banda, acondicionarase unha zona de estacionamento, que contará con 21 prazas para coches, dúas para autobuses, ademais de prazas para motos e bicicletas, incluíndo espazos reservados para persoas con mobilidade reducida. A área terá viais, amplos espazos para poder xirar, sobre todo os buses, e nela integraranse os carballos americanos que hai polo borde da finca que linda coa estrada, o que fará sombra para resgardar os vehículos nos meses de calor.
Por outra banda, o proxecto inclúe a mellora da seguridade viaria coa adecuación do acceso e do entorno do Parque, na LU-P-0301, de Antas a Rodeiro, no tramo que vai do punto quilométrico 3,490 a 3,700. As obras consisten no ensanche da estrada ata os 6 metros co fin de dotala de dous carrís de circulación diferenciados e facilitar o acceso das persoas que usan esta estrada. Ademais de botar aglomerado neste treito, acondicionaranse itinerarios independentes do tráfico rodado cunha barreira de separación de árbores creando arcéns, e instalarase sinalización horizontal e vertical, e a correspondente iluminación.
Arboredo do Parque
O mandatario provincial tamén comprobou hoxe o desenvolvemento dos traballos de destoconado das árbores do espazo do Parque Central de Galicia, un proceso que consiste en sacar do terreo os restos de troncos que permanecen no chan unha vez realizada unha tala.
Estes labores realízanse unha vez finalizou a corta de eucaliptos onde se ubicará o futuro parque infantil, onde se plantaron especies autóctonas, como carballos e castaños. Á súa vez, tamén se fixeron as tarefas de silvicultura, que consisten na entresaca de árbores débiles e da poda das árbores que van permanecer, co obxectivo de que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies.
Nas vindeiras semanas, segundo anunciou o Presidente, faranse as actuacións de laboreo, que consisten na preparación da terra. É preciso regularizar e alisar a superficie do terreo para poder explanar os lugares nos que se levantará o edificio multiusos, se construirá a praza e se farán os viais de acceso e secundarios para desprazarse ao longo do Parque.
Seguidamente, acometeranse os labores de fresado para triturar e mesturar en profundidade os restos de maleza, raíces que afloren do arranque de cotóns, restos de poda e, sobre todo, da grosa capa de folla acumulada para poder sementar o céspede. Relevante tamén é o proceso de fertilización para lograr uns niveis óptimos de PH que posibiliten a implantación do novo céspede.
Para o Parque Central de Galicia optouse por unha fórmula pratense para a plantación do céspede baseada en especies de fácil adaptación ao terreo, que resisten ben o tránsito de persoas, que se recuperan ben despois da seca do verán e que perduran durante bastante tempo sen que se deteriore a súa calidade. Farase unha mestura de diferentes especies de gramíneas para asegurar que se reparte da maneira máis idónea e equitativa ao longo de toda a extensión, e lograr así un correcto desenvolvemento da sementeira. As especies elixidas son lolium perenne nun 50%, festuca rubra nun 30%, poa pratensis nun 15% e agrostis capillaris, nun 5%.
Máis avances
O Presidente anunciou que a Deputación de Lugo presentou xustamente na mañá de hoxe no Rexistro do Concello de Antas de Ulla o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) do Parque Central de Galicia, necesario para obter a licencia municipal para construír as edificacións que están previstas no proxecto.
Axilidade
José Tomé subliñou neste sentido a axilidade coa que a Deputación está a desenvolver o proxecto do Parque Central de Galicia, pois dende que anunciou a súa creación, hai 15 meses, xa se adquiriron as parcelas necesarias, redactáronse os proxectos, obtívose o permiso da Consellería de Medio Ambiente para a execución, comezaron os labores de acondicionamento do arboredo e zonas verdes, presentouse o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións no Concello de Antas, e licitáronse, adxudicáronse e iniciáronse as obras do estacionamento e da mellora viaria.
Un proxecto de provincia
O Presidente salienta que este “é un proxecto de provincia no que se vai poñer en valor un recurso natural moi importante coma este, que vai ser un revulsivo para economía de Antas e de toda a comarca da Ulloa pola súa capacidade de atracción turística, o que supón tamén unha aposta clara polo reequilibrio territorial, que vai ser útil para fixar poboación no rural, creando actividade económica e emprego”.
O Parque Central de Galicia contará cunha extensión de máis de 45.000 m2. A zona de acceso ao Parque Central contará cun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial LU-P-0301, en Nugallás.
No lugar no que se sitúa o centro xeográfico construirase unha praza na se levantará un monólito colocado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ao seu lado dereito construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monólito, está prevista a construción dun edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais, e reunións, entre outras.
O Parque Central de Galicia incluirá numerosos sendeiros para goce dos visitantes e persoas que se acheguen ata alí. Paseos por unha carballeira que Tomé Roca cualificou como “espectacular”, e que se atopa na superficie adquirida pola institución provincial. Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, construirase un parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades.