Inician en Pedrafita a mellora na seguridade en cruces do Camiño de Santiago

LugoXa
Iniciouse en Pedrafita a primeira das 36 actuacións previstas para mellorar a seguridade en cruces e treitos do Camiño de Santiago.
camino santiago mojón
28 Xul 2021

Iniciouse en Pedrafita do Cebreiro a primeira das 36 actuacións previstas para mellorar a seguridade en cruces e treitos do Camiño de Santiago que conflúen con estradas autonómicas ao seu paso pola provincia de Lugo, ás que se destina un orzamento global de 466.800 euros.

Así se anunciou despois de comprobar a marcha dos traballos iniciados hai unha semana na etapa entre O Cebreiro e Liñares, que transcorre por un tramo do Camiño Francés paralelo á estrada LU-633 no concello de Pedrafita.

Nesta contorna mellorarase o firme do Camiño cun pavimento de pedra e reforzarase a sinalización na vía para alertar da presenza de peregrinos, co fin favorecer unha mobilidade máis segura.

Así, está previsto instalar dous fitos do Xacobeo para advertir do cruce coa estrada; paneis de advertencia de perigo con balizas luminosas; paneis reflectantes; sinais de limitación da velocidade a 40 quilómetros/hora e unha marca viaria continua con resalto. Tamén se realizarán rozas para aumentar a visibilidade.

As intervencións programadas na provincia levaranse a cabo en 16 municipios dos Camiños Francés, de Inverno, Norte e Primitivo. Así, no Francés está previsto actuar na LU-633, LU-637 e LU-613 ao seu paso por Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín, cun investimento total de 136.800 euros para realizar 13 melloras.

Os traballos desenvolveranse este ano e de feito, na provincia de Lugo xa comezou onte unha segunda actuación nun tramo do Camiño Francés que vai paralelo á LU-633 en Gonzar (Portomarín). Nesta contorna reforzarase a sinalización, protexerase un tramo de 180 metros con barreira de seguridade e acondicionarase o firme da senda.

Pola súa banda, no Camiño Primitivo destínanse 251.500 euros a 14 actuacións para incrementar a seguridade na confluencia coas estradas LU-701, LU-740, LU-530, LU-232 e LU-231 na Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo e Palas de Rei.

No Camiño de Inverno está previsto intervir en seis puntos da LU-933, LU-652 e LU-213 en Quiroga, A Pobra do Brollón e Chantada, cun investimento de 61.000 euros.

Por último, faranse melloras por un total de 17.500 euros na traza do Camiño Norte que coincide coas estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.

0.19816517829895