Inician o proceso para a contratación das actividades escolares en Infantil e Primaria

LugoXa
Terá un investimento anual de 59.160,65 euros e un total de 74 horas semanais de actividades gratuítas para as familias
Extraescolares-pintura
Actividad extraescolar
17 Xul 2024

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o goberno de Lugo aprobou na xornada de hoxe a apertura do procedemento de contratación para a prestación de actividades extraescolares nos centros de ensino de educación infantil e primaria de Lugo. Maite Ferreiro destacou a "colaboración" entre o concello, as direccións dos centros e as ANPAs para manter este servizo que permite facilitar a conciliación familiar.

O servizo sae a licitación cun orzamento base de 59.160,65 euros anuais, cunha duración dun ano prorrogable ata un máximo de 3 anos. En total prestaranse 74 horas de actividades para a totalidade dos centros, de xeito gratuíto para as familias. Maite Ferreiro afirmou que "seguimos traballando para ofrecer os mellores servizos aos centros de ensino de Lugo", e engadiu "atendemos desta maneira ás competencias en educación, unha competencia propia da Xunta de Galiza que descarga nos Concellos e da que seguimos reclamando que se fagan cargo pola importante carga de traballo que supón para as administracións locais".

O concello de Lugo ofrecerá ao longo do curso actividades extraescolares para as e os estudantes dos CEIP Quiroga Ballesteros, Manuel Mallo Mallo, A Ponte, As Gándaras, Albeiros, Anexa, As Mercedes, Casás, Illa Verde, Luis Pimentel, Menéndez Pelayo, Paradai, Rosalía de Castro e Sagrado Corazón ademais da EEI Fingoi nº2. As actividades que poderán desenvolverse estarán englobadas en catro grandes áreas: Deportes, Artes Plásticas ou Escénicas, Coidado do Medio Ambiente e actividades ligadas ás tradicións galegas, como danza e música tradicional. A distribución e temporalización das actividades extraescolares corresponderá aos distintos centros educativos, podendo delegar esta tarefa, sempre que o estimen oportuno, nas ANPAs de cada centro.

0.1572790145874