Inician os arranxos e renovación dos colectores soterrados do Centro Histórico
A concellería de Medio Ambiente iniciou xa o arranxo dos colectores soterrados do Centro Histórico. Esta mañá, o tenente de alcaldesa e responsable de área, Miguel Fernández, supervisaba o avance dos traballos para reparar as dotacións sitas na Praza da Soidade que se agarda, finalicen esta mesma xornada quedando, novamente, a disposición da veciñanza.
As tarefas consisten, fundamentalmente, na reparación do mecanismo da estrutura e na retirada dos recipientes deteriorados que serán substituídos por outros novos.
O edil explicou que “os labores terán continuidade o luns na rúa Luis Peña Novo e tamén durante os próximos días, de maneira que se agarda que as 9 illas que se rexen por este sistema e que se atopan dentro do recinto amurallado estean operativas antes do Nadal”.
Miguel Fernández avanzou, así mesmo, que a partir do luns 19 deste mes procederase á renovación dos buzóns exteriores “o que redundará non só nunha mellora conxunta dos depósitos de recollida de lixo no que ten que ver co seu rendemento, eficacia e accesibilidade, senón tamén na estética da zona centro da cidade, máis moderna e práctica, cunha imaxe a altura da súa valía patrimonial”, concluíu o concelleiro.