Inician os labores de renovación dos colectores de Lugo

LugoXa
Os labores de renovación dos colectores comezaron hoxe na ruta da Milagrosa, unha das catro nas que o servizo de recollida de lixo, EcoLugo
Colectores renovacion
13 Dec 2022

Os labores de renovación dos colectores comezaron hoxe na ruta da Milagrosa, unha das catro nas que o servizo de recollida de lixo, EcoLugo, distribúe a cidade e que inclúe os barrios da Milagrosa, Abella, Piringalla, zona alta da Residencia e no centro do Castiñeiro.

A Alcaldesa lucense, Lara Méndez, supervisou a instalación dos primeiros no barrio da Milagrosa, tal e como xa lle avanzara aos veciños na última reunión mantida con eles. “A substitución irá a un ritmo medio de 25 a 30 colectores diarios ata que a ruta quede completa, que se espera sexa este mesmo Nadal”, sostivo.

Despois, o cambio proseguirá polo resto de rutas, chegando a todos os barrios e ao rural, onde se colocarán un total de 4.200 novos recipientes.

Estanse a situar os colectores de recollida selectiva de fracción resto, de envases lixeiros e de papel e cartón, e máis adiante irán os de vidro e recollida orgánica.

Acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e de responsables de EcoLugo, a rexedora explicoulle á veciñanza como son os novos colectores, que manterán a súa homoxeneidade para coidar a estética das rúas, integrando recipientes de capacidades variables, como os de 2.900 litros empregados para a fracción resto, os envases lixeiros e o papel cartón, e os 1.800 litros do colector da fracción orgánica.

A rexedora lembrou que son máis resistentes e máis baixos -pero non con menos capacidade- para permitir unha maior visibilidade. Así mesmo, os usuarios non terán que tocar ningún elemento do colector á hora de posar os residuos xa que levan boca co fin de que facilitar unha operación máis hixiénica e accesible.

A totalidade dos colectores que se están colocando, e que van ancorados para que non se movan, incorporan os sistemas intelixentes de control de enchido que permitirán mellorar a recollida e reducir o tráfico de camións. “O obxectivo cando comezamos xa coas probas piloto deste sistema coa estratexia Smart City e reducir o gasto enerxético e a contaminación, claves no modelo de cidade no que estamos a traballar”, comentou a rexedora.

Pola súa banda, o edil de Medio Ambiente realizou un chamamento á cidadanía para que "acheguen a súa colaboración e respecten os colectores de recollida selectiva, porque a cidade limpa e verde a facemos entre todos, administracións e veciñanza”.

0.19821619987488