Inician os traballos para renovar o tramo do Burgo na estrada de Lugo a Palas de Rei
A Deputación vén de iniciar os traballos para a renovación do firme estrada LU-P-2901, que une Lugo con Palas de Rei, ao seu paso polo concello lucense.
As obras, que contan cun orzamento de 85.000 euros, afectan a un tramo de dous quilómetros, entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400, que discorren pola parroquia do Burgo. Deste xeito, dase continuidade á mellora dos outros 3,3 quilómetros que se arranxaran recentemente.
Despois de levar a cabo labores de limpeza de cunetas e drenaxe, este mércores comezaba o estendido do aglomerado en quente no vial. A actuación completarase coa renovación da sinalización.
As obras que se están a levar a cabo, salientan desde o organismo provincial, "benefician de xeito directo" aos centos de veciños e veciñas das parroquias de Xanaz, Castrelo, A Retorta, Poutomillos, Bacurín, San Pedro de Mera e Vilachá de Mera. "Mellorarán as comunicacións e o día a día das persoas de toda a zona, así como dos peregrinos que a empregan por situarse ao pé do Camiño de Santiago", engaden.