Inician unha campaña de axuda ás familias afectadas polo incendio de Rábade
A ANPA do colexio Otero Pedraio de Rábade iniciou desde onte unha campaña de recollida de roupa para axudar á familia que o perdeu todo no incendio que tivo lugar na mañá de onte na vila.
Así, será o colexio o que centralice a recollida de roupa ou calquera outro material que se considere imprescindible para os afectados, que son tres nenos, de 9, 10 e 13 anos e catro nenas de 2, 6, 8 e 12 anos.
Mentres, o Concello ocupouse de realoxar ás 13 persoas afectadas polo lume, que ás 15.00 horas xa dispoñían dun lugar para residir temporalmente.
Ningunha persoa resultou afectada polo lume que tivo onte en Rábade e que afectou a dous bloques de vivendas. Orixinouse na da familia e estendeuse ao do lado, desocupada naquel momento, e que viña de ser rehabilitada polo seu propietario.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pouco antes das 11:30 horas. Á súa vez, eles recibiran o aviso dun veciño, quen explicou que saía fume do ático dun edificio de dous pisos na rúa Gabriela Nieto Chan.
Rapidamente, á zona desprazáronse os servizos de emerxencias primeiro de Vilalba e logo de Sarria, que confirmaron que o fume se propagara ao longo de toda a rúa, aínda que, por fortuna, os veciños conseguiron saír ao exterior polos seus propios medios. Ao mesmo tempo, comprobaron como as chamas afectaban tamén o bloque de edificios contiguo.
Ámbalas dúas vivendas quedaron completamente calcinadas e os bombeiros tiveron como labor principal que este non se estendera ao resto de edificios.