Inscritos catro montes de Lugo no rexistro de Masas Consolidadas
O Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio polo que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de catro montes da provincia de Lugo.
En concreto, inscribiranse 110,8461 hectáreas do monte veciñal en man común de Serra do Pozo, pertencente aos veciños de Librán, en Baleira; 57,1637 hectáreas do monte veciñal en man común de Xunquiñas, pertencente aos veciños de Mazo e Moreira, en Cervantes; e 16,1183 ha do monte veciñal en man común de Vilaquinte, dos veciños deste lugar situado tamén en Cervantes.
Así, a masa forestal do monte Serra do Pozo que se quere inscribir no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas correspóndese con formacións dominadas por quercíneas caducifolias como o cerquiño, o carballo e o carballo albar. Acompañando a estas especies tamén están presentes en menor proporción outras árbores como o castiñeiro, o acivro, o bidueiro, a abeleira, o freixo ou o pradairo.
No de Vilaquinte, mentres, atópanse as mesmas especies, se ben a mais abondosa é o cerquiño, a mesma árbore que destaca tamén no monte de Xunquiñas.
A partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir do día 3 de agosto.
En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.
Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, publicouse o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.
O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.