Instalada unha nova varanda metálica na Rolda das Fontiñas para reforzar a seguridade peonil

Xa se atopa instalada a nova varanda que substitúe o peche orixinal da Rolda das Fontiñas, unha infraestrutura que se estende ao longo da beirarrúa na contorna do Parque dos Paxariños e que permite salvar o importante desnivel existente fronte a esta ampla zona verde. Trátase dunha varanda metálica de 235 metros lineais, fabricada en ferro, coa que se busca mellorar de maneira significativa a seguridade dos viandantes nun punto especialmente sensible do trazado urbano.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que esta intervención permitirá reforzar a protección das persoas que transitan pola zona, ao tempo que se aposta por unha solución resistente e duradeira grazas ao material empregado. A actuación está a ser executada pola área de Transición Ecolóxica, a través da concesionaria de Parques e Xardíns do Concello de Lugo, e conta cun orzamento superior aos 55.000 euros, financiado con cargo á partida destinada ás melloras nas zonas verdes da cidade. Os traballos céntranse no treito da Rolda das Fontiñas que limita co Parque dos Paxariños, onde o acusado desnivel fai necesario adoptar medidas específicas para garantir a seguridade peonil.
A nova varanda está fabricada en ferro e conta cunha imprimación de dous compoñentes e un acabado con pintura de poliuretano, unhas características técnicas que favorecen a súa durabilidade fronte ao paso do tempo e ás inclemencias meteorolóxicas. A substitución do antigo valado de madeira está a resultar unha tarefa complexa, xa que require soldar a estrutura metálica directamente ao chan, un proceso que debe realizarse en ausencia de choiva. Por este motivo, aínda que a varanda xa está completamente fabricada, a súa instalación definitiva depende de que se dean as condicións meteorolóxicas axeitadas.
Miguel Fernández lembrou que ao longo dos anos foi necesario reparar en múltiples ocasións a antiga varanda de madeira, que sufrira numerosos danos tanto polo desgaste natural como polas condicións climáticas. Por este motivo, para o novo peche optouse por un material máis resistente, tendo en conta tamén o cumprimento das últimas normativas en materia de seguridade, que establecen requisitos específicos en canto á altura, á separación entre barrotes, aos materiais empregados e aos sistemas de ancoraxe.
Ademais de cumprir con toda a normativa vixente, a nova varanda contribúe a mellorar a estética da rolda cunha solución pensada a longo prazo. O alcalde subliñou que a elección dunha opción metálica responde á vontade de contar cun elemento lixeiro, resistente e non invasivo, que protexa aos peóns en zonas con forte desnivel como a que dá ao Parque dos Paxariños, sen prexudicar a visibilidade nin a contemplación da paisaxe.