Instalan un punto de información e sensibilización contra a violencia de xénero na Praza Maior

A Xunta instalou na Praza Maior de Lugo un punto de información e sensibilización contra a violencia de xénero no marco dos actos do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A iniciativa busca converter este espazo nun lugar de encontro no que a veciñanza poida recibir orientación e mensaxes dirixidas a fomentar unha maior implicación social fronte a esta lacra.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, sinalou que a proposta pretende “achegar á cidadanía recursos e reflexións que axuden a derrubar estereotipos de xénero e a avanzar cara a unha igualdade plena entre mulleres e homes”.
Ademais, fixo fincapé en que o punto informativo tamén aborda as diversas manifestacións da violencia machista e destaca a relevancia da prevención como ferramenta fundamental para combater esta realidade.