Instalarán sete novas marquesiñas de bus urbano en Lugo

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que o Concello de Lugo está a tramitar a adquisición de sete novas marquesiñas para o bus urbano. Penas explicou que “continuamos a mellorar o servizo de transporte público, atendendo ás solicitudes da veciñanza que reclamaba novas marquesiñas en distintas zonas da cidade”.
O concelleiro subliñou que “mes a mes comprobamos como cada vez máis persoas optan polo bus urbano, e desde a Tenencia de Alcaldía seguimos traballando para que utilizar este medio de transporte sexa cada vez máis cómodo para a veciñanza”.
As novas marquesiñas instalaranse nas paradas N-640, pista aserradeiro, dirección centro; Rúa Castelao, 53; Avenida Infanta Elena, rotonda dirección centro; Rúa Amizade, 1, esquina rúa Quiroga; Rúa Montero Ríos, fronte ao 83; Avenida de Magoi, 92, fronte ao Gadis; e Avenida Fábrica da Luz, Pazo de Feiras.
“Seguimos a ampliar o mobiliario urbano, escoitando sempre as solicitudes da veciñanza e procurando mellorar a imaxe da cidade”, afirmou Alexandre Penas, quen engadiu que “avanzamos cara a unha mobilidade máis ecolóxica na que a xente aposte polo transporte urbano fronte ao vehículo privado”.