Instálase en San Pedro de Mera unha torre de telecomunicacións para mellorar a cobertura no rural

A Xunta de Galicia instalou unha nova torre de telecomunicacións en San Pedro de Mera que contribuirá a mellorar a cobertura móbil na zona rural de Lugo. O delegado territorial, Javier Arias, comprobou hoxe os traballos e explicou que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inviste preto de 700.000 euros nas tres torres despregadas no municipio nos últimos meses.
Ao respecto, Arias afirmou que esta instalación culmina os traballos logo de que este ano se colocaran tamén as de Santa María Alta e Gondar. En conxunto, reforzan a cobertura en 15 núcleos de poboación: Alta, Gondar, Bacurín, Carricova, O Burgo, Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba, Cabanas, Locai, Marcoi, Riobó, Miñao, Vilariño e Torible.
O delegado sinalou que Retegal executa estas actuacións no marco dun plan en colaboración coa Fegamp que beneficia a 290 entidades de poboación de 65 concellos galegos; a empresa pública da Xunta proporciona a infraestrutura mentres que o servizo foi contratado cun operador privado mediante un procedemento de subvención.
Arias destacou que a Xunta “impulsou este proceso para garantir unha cobertura móbil áxil e eficiente en áreas con escasa densidade de poboación, para facilitar a actividade económica e o asentamento de persoas mozas no entorno rural”.