Intensificados os traballos de limpeza na cidade de Lugo
O Concello de Lugo está a intensificar, dende que comezou o ano, os operativo específicos de limpeza da cidade levando a cabo, tamén, un aseo exhaustivo de beirarrúas e prazas.
O dispositivo, composto por dúas brigadas, provistas de material suficiente ás que se dotou de hidrolimpadoras e fregadoras, están a acometer o lavado a alta presión do pavimento, para retirar a sucidade incrustada, ao tempo que se eliminan pintadas e malas herbas.
“Até o momento, os operarios executaron o acondicionamento das rúas Vilalba, Narciso Peinado, Menorca, López Guntín, Carril dos Loureiros e da praza do Camiño Primitivo, estando previsto que nos próximos días se centren no Casco Histórico, especialmente na contorna da Catedral ou no treito peonil da Rolda da Muralla para desprazarse, a continuación, á Praza do Castiñeiro”, explicou o concelleiro.
Miguel Fernández destacou que “se trata dunha intervención que se suma ás campañas especiais de limpeza que se desenvolven de xeito específico polos diferentes barrios da capital e coas que dende o Executivo de Lara Méndez pretendemos reforzar o coidado e mantemento ordinario do municipio. Un esforzo que se manterá até que entre en vigor o novo contrato – adxudicado esta mesma semana - para o servizo onde xa se contempla un incremento non só das dotacións, se non tamén do persoal e dos labores que inclúe. O que, á súa vez, redundará na imaxe xeral que ofrece Lugo e na súa habitabilidade e confort para a veciñanza”, concluíu o edil de Medio Ambiente.