Internos do penal de Monterroso participan en actividades impartidas por Sogama
Preto de medio cento de internos do Centro Penitenciario de Monterroso participan nalgún dos talleres e actividades formativas impartidos por educadores da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) en colaboración co persoal do Centro público de educación e promoción de adultos (Epapu).
O traballo que, desde o ano 2014, está a desenvolver a empresa pública galega cos reclusos deste penal en aspectos tales como a reciclaxe, a economía circular ou a compostaxe a partir de residuos orgánicos.
Neste sentido, o traballo de Sogama en Monterroso no seu compromiso coa educación ambiental e a sensibilización da cidadanía nesta materia é fundamental. Concretamente, a empresa pública achega persoal propio para impartir formación de forma presencial e, ademais, facilita os recursos didácticos e medios materiais necesarios.
Así mesmo, tamén hai que destacar a horta ecolóxica existente nas instalacións, que conta cun invernadoiro feito a partir de 3.000 botellas de plástico, ou ao proxecto impulsado para introducir a cultura da compostaxe no centro a partir do aproveitamento dos seus residuos orgánicos, ao que Sogama contribuíu con 12 composteiros, unha máquina trituradora de restos vexetais e a correspondente formación ao alumnado para ensinarlles a compostar.
Outro dos proxectos a destacar é Unha segunda oportunidade, actividade con fins solidarios e en liña cos obxectivos da economía circular que lle permitiu aos reclusos fabricar artesanalmente ao redor de 150 bolsas de tea a partir de pantalóns vaqueiros e batas procedentes da enfermería do propio centro.
Algúns destes traballos, ademais, deron lugar a dúas publicacións nas que se recolle todo o proceso e o seu resultado final: A horta ecolóxica, maquetado e impreso por Sogama cunha tirada de 200 exemplares, e Sabrosa reciclaxe, un libro de receitas baseadas na cociña de aproveitamento resultado do labor de concienciación que se fixo cos internos con relación ao desperdicio alimentario.