Intérpretes de recoñecemento internacional ensinan música medieval no Centrad
O Centro de Artesanía e Deseño acollerá do 25 ao 28 de abril a segunda edición do curso de interpretación de música medieval Sons dos Camiños, da man de intérpretes de recoñecemento internacional como Manuel Vilas, Bor Zuljan, Begoña Olavide, Paloma Gutiérrez del Arroyo e Francisco Luengo, que se encargará tamén da dirección e da coordinación.
A segunda edición desta formación dá continuidade ás actividades impulsadas desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para situar Lugo como un lugar de referencia na formación e na interpretación da música antiga e medieval, poñendo en valor o patrimonio musical que alberga o Centro de Artesanía e Deseño froito do traballo de investigación e reconstrución de instrumentos históricos que a institución desenvolveu ao longo da súa traxectoria.
A segunda edición do curso de interpretación da música medieval Sons dos camiños vertebrarase en torno ao Códex Calixtinus, e principalmente á monodia conservada neste famoso manuscrito do século XII. As voces traballarán pezas de tradición oral e sobre o propio manuscrito, así como notacións máis antigas que codifican outras pezas que serviron como modelo para construír a liturxia do apóstolo Santiago. Todo iso, co obxectivo de entender a modalidade medieval e o xesto vocal destes cantos e de trasladar eses coñecementos á memorización e á codificación de pezas melismáticas e de ritmo libre da tradición oral viva.
Repertorio medieval: danzas e cantigas
Os instrumentos traballarán pezas instrumentais do repertorio medieval, danzas e cantigas. Impartiranse clases de técnica adaptada ao nivel de cada participante. Tamén teranse que enfrontar ao reto de como acompañar a monodia vocal, cando non hai apenas indicacións nen indicios de como era esa práctica. Igualmente, terán que coñecer a modalidade medieval e descubrir os recursos de imitación, glosa, etc. característicos das culturas musicais que aínda hoxe cultivan a música monódica.
A actividade está dirixida por Francisco Luengo. Paloma Gutiérrez del Arroyo impartirá canto; Manuel Vilas, Arpa medieval; Bor Zuljan, corda pulsada, cítolas e laúdes; Begoña Olavide, salterios medievais: Begoña Olavide e Francisco Luengo, corda frotada, violas, gigas e organistrum. O curso desenvolverase días 25, 26, 27 e 28 de abril, en horario de mañá e tarde. As mañás contarán con sesións de técnica individual e colectiva en horario de 10 a 14 horas polas mañás, cunha pausa ás 12 horas.
As tardes comezarán ás 16.30 horas, cunha exposición a cargo de cada un dos profesores sobre aspectos relevantes de elementos interpretativos, estilísticos, históricos e funcionais. Continuarán ás 18 horas con clases de instrumento e conxunto instrumental.
O alumnado disporá de instrumentos do CENTRAD ou dos profesores, para que os utilicen aquelas persoas que non teñan un instrumento axeitado. O curso rematará cun concerto final do alumnado, no que interpretarán obras individuais ou preparadas nas clases de música de cámara. A actuación celebrarase o domingo 28 na Capela de Santa María.