Investidos 378.000 euros na mellora da vía que une O Corgo e Castroverde
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves o contrato coa empresa Construcciones Rafer, S.L. para a execución das obras de ensanche e mellora da estrada provincial LU-P-1201, no tramo que une os núcleos de Coto, en O Corgo, e San Agustín, en Castroverde. Tomé Roca explica que a institución provincial investirá 378.000€ nestas obras coas que se dobrará o ancho da estrada, pasando dos 4,5 metros aos 7 actuais.
Os traballos que mellorarán 1,5 quilómetros, entre os núcleos de Coto -no Corgo- e de Agustín -en Castroverde-, consistirán no movemento de terras, a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical, así como o balizamento e a limpeza de cunetas. O mandatario provincial sinalou que “con estas actuacións resolvemos un problema que se arrastraba dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer estas actuacións”. E neste sentido comentou que moitos veciños e veciñas se beneficiarán desta actuación porque se trata dunha estrada que articula os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde.
Está previsto que as obras comecen nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables, e o prazo de execución é de 9 meses.
José Tomé lembrou que nesta mesma estrada provincial, a LU-P-1201, a Deputación rematou recentemente a mellora e ensanche doutro tramo, de máis de dous quilómetros, entre Souto de Torres e o polígono industrial de Castroverde, unhas obras que contaron cun investimento de 380.000€.