Investigadoras francesas achéganse a Lugo para estudar o Arde Lucus
As profesoras da Universidade de Le Mans Elodie Salin e Estelle Bertrand lideran o proxecto europeo MURUS, no que tamén participan investigadores da universidade italiana de La Sapienza e da área de Antropoloxía Social da USC na sede universitaria luguesa.
As investigadoras da Le Mans Université (Francia) Elodie Salin, da área de Xeografía Social, e Estelle Bertrand, de Historia Antiga, visitan esta semana a cidade e o Campus de Lugo para estudar a festa de recreación histórica do Arde Lucus na que será a primeira edición deste evento desde a súa declaración como cita festiva de interese internacional. A visita das profesoras Salin e Bertrand encádrase no marco do proxecto europeo MURUS (MUrailles Romaines à l’Unesco et Sociétés), liderado pola Universidade de Le Mans e do que toman tamén parte a universidade italiana de La Sapienza (Roma), ademais doutros investigadores da área de Antropoloxía Social da USC na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC.
Salin e Bertrand, que xa fixeron unha primeira estadía de investigación en Lugo en 2022, viaxarán desta volta acompañadas pola súa colega Charlotte Porq, tamén profesora da Universidade de Le Mans, e polo técnico de turismo desa cidade francesa do Pays de la Loire, Franck Miot. O obxectivo desta nova expedición á cidade amurallada será a realización dun traballo de campo sobre o Arde Lucus como evento ligado ao pasado romano da cidade de Lugo e tamén vencellado aos procesos de patrimonialización da muralla. A profesora de Antropoloxía Social da USC no Campus Terra Elena Freire Paz, que tamén é membro do equipo investigador do MURUS, acompañará sobre o terreo á delegación francesa.
Participación social
Os promotores do proxecto MURUS veñen de lanzar un cuestionario en liña, a fin de recabar así datos informativos sobre as persoas que se achegan desde diferentes puntos de Galicia e de fóra para sumarse ás actividades de recreación histórica propostas no Arde Lucus. Esta nova iniciativa de participación social está a difundirse a través de tarxetas con código QR en diferentes establecementos hostaleiros da cidade de Lugo. Trátase dunha relación de preguntas sinxelas e doadas de responder que preservan o anonimato.
O propósito do proxecto MURUS reside na análise das dinámicas turísticas e patrimoniais arredor dunha candidatura a patrimonio Unesco para as cidades de Le Mans, Lugo e Roma. As tres cidades teñen en común que posúen murallas de época tardorromana. O grupo de traballo do MURUS está conformado por un equipo interdisciplinario de científicos sociais de diferentes institucións. Ademais das anteditas universidades de Le Mans, La Sapienza e USC, participan nesta iniciativa equipos das universidades de Bretagne Occidentale, Angers e La Sorbonne, todas elas en Francia.
Desde a Universidade de Le Mans, promotora do MURUS, buscouse a participación do Campus de Lugo da USC como principal institución académica e investigadora nunha cidade que xa atesoura máis de vinte anos de experiencias logo de ser a súa muralla declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2000. A implicación da área de Antropoloxía Social da USC permite achegarse, a través de métodos de investigación participativos, ás estratexias de valorización e á mudanza das actitudes sociais da poboación da cidade de Lugo.