Investigadores de Lugo activan un sistema de alerta para detectar micotoxinas

LugoXa
Investigadores de Farmacoloxía activan un sistema de alerta para a detección temperá de micotoxinas emerxentes
Farmatox grupo investigacion veterinaria
5 Jul 2023

O grupo Farmatox, con sede na Facultade de Veterinaria da USC, que coordina o catedrático Luis M. Botana, desenvolve novos métodos de detección e eliminación de toxinas e activa a creación dunha base de datos con información sobre máis de 900 micotoxinas emerxentes co proxecto Agritox, un programa Interreg Atlantic Area financiado con dous millóns e no que participaron investigadores de cinco países.

O grupo de investigación Farmatox (Toxinas mariñas: Mecanismos de Transdución, usos terapéuticos e métodos de detección) do Campus Terra da USC, coordinado polo catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Facultade de Veterinaria da USC, Luis M. Botana, vén de realizar importantes achegas no campo das micotoxinas emerxentes, tal e como son o desenvolvemento de novos métodos de análise para a súa detección e eliminación, ou a posta en marcha dunha base de datos con información detallada de máis de 900 micotoxinas emerxentes, ao abeiro do proxecto Agritox.

Este programa Interreg Atlantic Area liderado desde a sede universitaria luguesa e financiado con máis de dous millóns de euros permitiu tamén a creación dunha ampla base de datos con información detallada de máis de 900 micotoxinas emerxentes que compila o traballo realizado durante os últimos catro anos por investigadores de cinco países.

O proxecto Agritox, que botou a andar en 2018 co obxectivo de proporcionar ás industrias de alimentos e piensos información e solucións técnicas para evitar a contaminación por micotoxinas, que constitúen un desafío crecente debido ao cambio climático, chega ao seu remate logo de aportar novos datos respecto do perigo destas toxinas, sinala Luis M. Botana. O catedrático da USC e líder deste programa salienta que as achegas realizadas no marco deste proxecto dan conta do traballo realizado por un consorcio no participaron xunto coa USC outras institucións e organizacións de recoñecido prestixio, tal e como son a Universidade Queens (Irlanda do Norte), TEAGASC (Irlanda), Universidade de Porto e Cooperativa Agrícola de Vila do Conde (Portugal), Estación Fitopatolóxica do Areeiro e Laboratorio CIFGA (España), e a Axencia Francesa de Seguridade e Saúde Alimentaria.

Respecto dos avances acadados en materia de identificación e detección de toxinas, Botana lembra que nas análises realizadas durante catro anos a produtos diferentes, tales como cereais, leite, silos, atopouse frecuentemente a presenza deste tipo de toxinas emerxentes, que non representan un problema de saúde pública, segundo conclúen os estudos toxicolóxicos desenvolvidos ao abeiro de proxecto Agritox. Aínda así, conscientes da importancia de previr futuros riscos, os investigadores implicados neste programa europeo optaron por implementar u sistema de alerta para posibilitar a detección temperá destas micotoxinas emerxentes.

Alén destas cuestións, Botana pon especialmente en valor as contribucións realizadas polo consorcio do proxecto Agritox para desenvolver e avaliar métodos de detoxificación apropiados para combater as micotoxinas. O coordinador deste programa Interreg Atlantic Area lembra neste senso as exhaustivas investigacións desenvolvidas para establecer a eficacia de distintos adsorbentes cara a redución da presenza destas toxinas nos pensos parea alimentación animal. Estos adsorbentes, precisa o catedrático da USC, constitúen a única ferramenta dispoñible na actualidade para minimizar a exposición do ganado ás micotoxinas.

Base de datos

Outro dos logros da actividade desenvolvida no marco do proxecto Agritox salientado por Botana é a creación dunha base de datos con información detallada sobre máis de 900 micotoxinas. Trátase, segundo este investigador, dunha ferramenta que achega información sobre a súas estrutura, propiedades fisicoquímicas, fungos produtores, ademais de datos toxicolóxicos e médicos. A dispoñibilidade desta base de datos, engade, resulta de gran importancia para a comunidade científica, así como para a industria e as autoridades reguladoras, xa que permite unha mellor comprensión das micotoxinas e dos riscos que levan asociados.

Fronte a estea realidade, o consorcio de investigadores implicados en Agritox tomaron tamén medidas adicionais para asegurar a transferencia efectiva de coñecementos ás empresas do sector agroalimentario. Daquela, a colaboración rexistrada entre os investigadores e as empresas do sector ten resultado fundamental, mantén Botana, para garantir que os avances científicos e tecnolóxicos acadados poidan ser aplicados de xeito práctico e, en consecuencia, redunden en beneficios para a industria agroalimentaria.

A relevancia desta transferencia de resultados ao sector produtivo, inclúe desde métodos de análises, solucións técnicas e mesmo os métodos de detoxificación desenvolvidos pola comunidade científica, recursos todos eles, que, segundo indica o coordinador de Agritox, proporcionan ás empresas as ferramentas necesarias para previr e controlar a contaminación por micotoxinas. Ademais, engade o catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, os resultados deste proxecto xa teñen sido compartidos coa Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), o que permitirá brindar asesoramento baseado en evidencias ás autoridades reguladoras.

0.16860294342041