Investigadores europeos constatan na Domus do Mitreo a pegada da cidade nos procesos de romanización
A fundación, a formación de Lucus Augusti e os comezos da súa evolución urbanística centrou un dos debates abordados no coloquio científico Specula Populi Romani, que citou en Humanidades 20 docente e investigadores de España, Francia, Portugal e Italia.
Un grupo de investigadores procedentes de universidades e centros de investigación de Italia, Francia, Portugal e España visitou este venres Museo Universitario Domus do Mitreo, un xacemento arqueolóxico único no Noroeste de España no que a comitiva académica procedente das universidades de Trieste, Montpellier, École Pratique des Hautes Études, Braga, Córdoba, Guimaraes, e entre outras, Barcelona, tivo a oportunidade de constatar a importancia da cidade na conformación social do mundo romano e a súa innegable pegada no proceso de romanización e mesmo para a transformación das sociedades nativas.
A visita á Domus do Mitreo serviu asemade de colofón do coloquio ‘Specula Populi Romani. Revisitando o papel da cidade’, un foro científico promovido polo Grupo de Estudos para a Prehistoria no Noroeste Ibérico da USC baixo a coordinación da profesora e directora científica do museo, María Dolores Dopico Caínzos. Os relatores convidados a tomar parte neste programa aproveitaron o encontro celebrado na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC para abordar desde unha pespectiva multidisciplinar o cometido das cidades nos procesos de romanización e de transformación das comunidades locais, tomando como referencia distintas zonas de Italia, Galia e Hispania.
O coloquio, ao que puxo colofón unha visita á Domus do Mitreo guiada polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao, permitiu aos especialistas participantes examinar as distintas cidades existentes en diversas áreas xeográficas do imperio romano, desde as colonias, especialmente as do norte de Italia, a Galia Transpadana e a provincia romana hispana da Bética (Andalucía), as estruturas urbanas que imitan a propia Roma, cidades fundadas ex novo, así como outros asentamentos xa existentes (castros do Noroeste da Península ibérica), cuxo urbanismo foi modificado con acordo a esquemas urbanísticos romanos.
As sesións programadas neste foro científico desde o pasado mércores permitiron aos especialistas presentes afondar en cuestións relacionadas co urbanismo, a relixión, as estruturas sociais ou mesmo respecto da onomástica como mostra e proba dos cambios e da evolución experimentada polas comunidades locais.
O coloquio ‘Specula Populi Romani’ serviu tamén de escenario para que investigadores da USC na Facultade de Humanidades do Campus Terra presentaran, xunto con colegas do País Vasco, unha ponencia sobre as orixes fundacionais e a formación da primitiva Lucus Augusti, así como respecto aos seus primeiros cambios urbanísticos. Os autores desta nova achega científica examinan tamén, a través da epigrafía, a creación dunha nova sociedad que integra tanto a indíxenas como a individuos máis romanizados alleos a este mundo.